• A deputada recorda que o seu grupo leva reclamando desde 2019 a recuperación dos edificios centrais.
• “Santa Clara supón a continuidade da mazá cultura”, sinala, e de feito foi unha das propostas que a popular propuxo durante o pleno provincial no que pedía ao Goberno estudar outras alternativas ao proxecto soterrado.
Tras coñecerse que a Deputación de Pontevedra frea o proxecto soterrado do Museo de Pontevedra e iniciará a rehabilitación dos edificios centrais, a deputada do PP provincial, Pepa Pardo, sinala que “por fin recapacitan e aceptan a proposta do Partido Popular para rehabilitar o corazón do Museo e abandonar a obra soterrada”.
Recorda que o PP leva desde o ano 2019 insistindo na urxencia de rehabilitar os edificios centrais, que están pechados desde 2015, pero sempre atoparon rechazo e escusas por parte do Goberno provincial. “Pedimos en 2019, reiteramos en 2020, e cando coñecemos a obra soterrada insistimos en que esa non era a solución. Que pasaba por Santa Clara, que supón a continuidade da mazá cultural”.
Por iso, lamenta “o tempo perdido. Desde 2014, cando se pecharon para rehabilitar, o Goberno provincial estivo dando voltas para acabar, seis anos despois, no mesmo punto”. Ademais, Pardo considera que Mosquera non foi de todo sincero ao explicar as razóns, que segundo a deputada pasan “polo rexeitamento social que xeraba ese mega proxecto soterrado. Unha oposición contundente da cidadanía, dos comerciantes, dos profesionais… que se tiña que ter en conta. Unha presión que tivo efecto”. Mostra disto, sinala, é que o Goberno Bipartito votou en contra a varias mocións do PP que reclamaban, primeiro, a rehabilitación e reapertura dos edificios centrais do Museo e, despois, que se valorasen outras alternativas para amplialo, como por exemplo Santa Clara. “Sempre votaron e contra, porque a súa idea era continuar cun proxecto desproporcionado e que danaba o centro histórico da cidade. Pero o rexeitamento social foi tan grande, e era evidente que había outras posibilidades, que non lles quedou máis remedio que recapacitar e dar marcha atrás”.
MOCIÓN CONECTIVIDADE DIXITAL PARA OS CONCELLOS
O grupo provincial reclamará mañá, no pleno provincial da Deputación de Pontevedra, unha conectividade dixital adecuada en todos os concellos da provincia. Así, defenderán unha moción que reclama ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que priorice o despregamento da banda larga nas poboacións menos poboadas, e que dote tamén de cobertura en áreas que non dispoñen nin tan sequera de servizos básicos de telefonía móbil, áreas de maior risco de fenda dixital.
Os populares defenden que hoxe en día o dispoñer dunha boa conectividade a internet é practicamente un dereito do que calquera persoa quere gozar, pero a realidade demostra que aínda hai unha brecha dixital moi importante entre os habitantes do medio rural e do urbano. Nesta liña, explican que a necesidade de estar conectados aumentou durante a pandemia, xa que os fogares se converteron en oficinas e escolas, co impulso do teletraballo e das clases online. “Pero a baixa conectividade converteuse nun gran obstáculo para os fogares no rural, que se atoparon cunha evidente desigualdade de oportunidades con respecto aos fogares urbanos”, indican. Fogares nos que seguir unha clase online ou manter unha reunión de traballo telemática sen interrupcións é practicamente imposible, así como abrir unha páxina web sen a necesidade de esperar un tempo prolongado a que cargue.




