• Jorge Cubela agradeceu o compromiso e a confianza amosada pola oposición e avogou pola coordinación con outros concellos, afectados polo mesmo problema, sen descartar mobilizacións
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo a primeira hora desta mañá unha xuntanza cos voceiros do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, e do BNG, Ernesto Filgueira, para afrontar de xeito unido e coordinado unha mesma resposta fronte á decisión de Abanca de pechar a sucursal de Carballedo xunto con outras 14 oficinas máis na provincia de Pontevedra entre elas as de Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín) e Vilaxoán e Carril, en Vilagarcía.
Jorge Cubela agradeceu a confianza e o respaldo amosado pola oposición ás accións inmediatas postas en marcha polo Concello e que inclúen unha carta de protesta remitida ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, así como o establecemento dunha serie de contactos con alcaldes doutros municipios afectados pola decisión desta entidade bancaria de pechar nos vindeiros días 15 oficinas na provincia de Pontevedra.
A Xunta de Portavoces acordou convocar un Pleno Extraordinario que se celebrará a vindeira semana e o inicio dunha recollida de sinaturas contrarias ao peche da sucursal que se levará a cabo nos edificios municipais así como nos establecementos comerciais da zona de influencia da oficina de Carballedo.
O alcalde, Jorge Cubela, manifestou a súa contrariedade por esta decisión “arbitraria e sen senso” tomada por Abanca e non descartou que nos vindeiros días e en función de como se vaian desenvolvendo os acontecementos se faga un chamamento á veciñanza para participar en calquera tipo de mobilización para “evidenciar o rexeitamento a este peche inxustificado”.
A Xunta de Portavoces tamén respaldou a medida iniciada polo alcalde Jorge Cubela de establecer contactos con outros alcaldes e alcaldesas de municipios da provincia de Pontevedra afectados polo peche dun total de 15 oficinas de Abanca que se levarán a cabo de xeito inmediato coa intención de coordinar actuacións e adoptar un posicionamento de forza común máis eficaz e contundente.
Finalmente, Jorge Cubela transmitiulles aos voceiros da oposición o seu desexo de manter aberto e de xeito permanente unha canle de comunicación cos representantes políticos na Corporación Municipal, así como cos veciños afectados, comerciantes, autónomos, etc. co fin de ir coordinando os pasos a seguir en función das novas circunstancias que se vaian producindo.




