Os conxuntos L’Unisoni e La Danserye serán os protagonistas dos concertos do 2 e do 9 de xullo ás 21 horas
Logo de varios anos fóra das Ruínas de San Domingo o Museo de Pontevedra vai retomar este ano as ‘Noites de Música Antiga’ entre as bóvedas, as arquerías e os muros do convento. Serán os vindeiros 2 e 9 de xullo, ás 21 horas, cos concertos de L’Unisoni e La Danserye, dous conxuntos de acreditado nivel artístico cos que as persoas asistentes viaxarán ao refinamento da música veneciana e á corte imperial dos Austrias españois no momento do seu apoxeo.
No concerto de ‘L’Unisoni’, coas intérpretes Esperanza Mara Filgueira –canto-, Jorge Montes -violino barroco-, Uxía Delgado -guitarra barroca e tiorba-, Pablo Ruibal -violas da gamba soprano e baixo-, asistirase a unha selección dalgunhas das obras mestras da autora veneciana do século XVII Barbara Strozzi, principalmente arias e cantatas, mesturándoas con outras obras instrumentais do mesmo século acordes coa estética da época.
L’Unisoni é unha agrupación formada en 2019 para celebrar o 400 aniversario do nacemento da compositora veneciana Barbara Strozzi, e dedicada á realización de músicas vocais e instrumentais dos séculos XVI ao XVIIII. Os seus membros posúen unha gran experiencia no eido da música antiga formando parte doutros grupos dedicados a este repertorio como Ensemble Elyma, Cuarteto de corda Alicerce, Ensemble s21, Capella Joanina, Ars Combinatoria, Ensemble Thesaurus, Capela Compostelana, Grupo 1500 ou La Xácara, entre outros.
No concerto de La Danserye o 9 de xullo ás 21 h, grazas a Fernando Pérez Valera -corneta, corneta muda, sacabuche, orlo, rackett, flautas dulces-, Juan Alberto Pérez Valera -chirimías, baixonciño, orlo, rackett, frautas doces-, Luis Alfonso Pérez Valera -sacabuche, trompeta natural, orlo, rackett, frautas doces-; Eduardo Pérez Valera -baixón, baixonciño, chirimías, orlo, rackett, frautas doces- e José Gabriel Martínez Gil –percusión, o programa intentará recrear un dos aspectos máis coidados na corte de Felipe II: a música.
Partirase dun feito histórico de grande relevancia na vida do monarca, cando aínda era príncipe herdeiro: el “Felicissimo Viaje del muy alto y poderoso príncipe Phelippe…”, detallado na crónica de Juan Cristóbal Calvete de Estrella. O programa céntrase especialmente na colección de danzas a catro partes, publicadas por Tilman Susato en 1551, en Anveres, cidade na que Susato, foi o encargado de organizar os actos musicais con que a cidade recibiu ao príncipe.
La Danserye, foi creado en 1988 e ten desenvolvido desde entón un intenso labor na interpretación da música antiga, con especial atención ao Renacemento.
As persoas compoñentes dedícanse ademais da interpretación á investigación e construción de instrumentos históricos, contando actualmente cunha das coleccións de instrumentos do Renacemento máis amplas de Europa.




