HomePontevedraSoutomaior aproba unha modificación orzamentaria para financiar varias melloras no municipio

Soutomaior aproba unha modificación orzamentaria para financiar varias melloras no municipio

- Anuncio -spot_img
  • As maiores partidas destinaranse á humanización do Camiño de Santiago e a compra dos terreos para o novo centro de saúde

  • O pleno municipal de Soutomaior aprobou esta mañá a modificación orzamentaria necesaria para que o Concello afronte varias melloras no municipio. As actuacións previstas abarcan diversos ámbitos como a mellora de infraestruturas, investimentos ambientais e de eficiencia enerxética, e a creación de novas axudas. O total da modificación ascende a 1.370.500 euros, que se financiarán co remanente de caixa acumulado.

  • “Hai actuacións e melloras, como a adquisición dos terreos para o novo centro de saúde, que queremos acelerar todo o posible e para iso é necesario poder contar co financiamento canto antes”, explicou tras o pleno o alcalde, Agustín Reguera, que indicou que a partida destinada para esta actuación ascende aos 110.000 euros.

  • A maior partida incluída na modificación do orzamento, cun total de 400.000 euros, é a destinada aos traballos de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade. Unha mellora motivada pola celebración do dobre ano Xacobeo e que ademais contempla a instalación dun novo punto de información turística no punto de entrada do roteiro Xacobeo no municipio.

  • Tamén destaca a reserva de 280.000 euros para a mellora de parques infantís no municipio. A maior parte desta partida destinarase á renovación total da zona recreativa de Tallo Río, unha das máis concorridas do municipio. Tamén está prevista a actualización do skatepark do Peirao de Arcade, para a que se reservaron 55.000 euros.

  • Do mesmo xeito, o goberno local aproveitou a modificación aprobada esta mañá para reservar os 50.000 euros necesarios para financiar dúas novas axudas municipais. A primeira, que ascende a 30.000 euros, destinarase a financiar a compra de semente de ameixa por parte da confraría de Arcade. Os 20.000 euros restantes utilizaranse para financiar o programa de axuda para a compra de equipos informáticos dirixido aos estudantes do municipio.
    Mellora da EDAR de Comboa
  • Ademais da aprobación da modificación orzamentaria, o pleno da corporación municipal tamén deu a súa visto e prace á mellora da depuradora do barrio de Comboa. A actuación ten un orzamento de 389.000 euros que serán asumidos na súa totalidade pola Xunta de Galicia e permitirá actualizar a estación de augas residuais á nova normativa.
    Entre as actuacións previstas na depuradora destaca a implementación de dous sistemas de desodorización para evitar a fuga de gases que poden ocasionar malos cheiros na contorna da estación e a instalación dun novo pozo de decantación previo á estación que aumentará a filtración de residuos sólidos e evitará atascos no circuíto de filtrado.
    Despedida da secretaria municipal
    Por último, tras a celebración do pleno, os membros da corporación municipal quixeron render unha pequena homenaxe á secretaria municipal, Margarita Mariño, que se despedía do seu cargo despois de 36 anos de servizo ao municipio. Así, os dous portavoces dos grupos políticos con representación na corporación aproveitaron a súa última intervención para agradecer á secretaria todos os seus anos de dedicación e traballo duro polo ben de Soutomaior ademais de desexarlle moita sorte na súa nova etapa.

Publicacións Relacionadas