As actividades, que teñen como obxectivo promover e fomentar a cultura galega nas súas múltiples expresións artísticas, celebraranse en dez concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra apoia e promove neste 2021 a celebración de ata 13 festivais musicais e de artes escénicas promovidos por outras tantas entidades sen fin de lucro, cun investimento total de 150.000 euros. A Xunta de Goberno ven de adxudicar as subvencións, que se suman aos recursos destinados aos festivais de música Rías Baixas Fest e os de cinema, Rías Baixas Film Fest, no marco da liña de apoio á cultura que, sinalou a presidenta Carmela Silva “financia os grandes eventos culturais de cada un dos concellos desta provincia”.
A concesión das subvencións dos festivais musicais e de artes escénicas realízase por concorrencia competitiva e chegarán este ano a 13 entidades de 10 concellos (Cambados, Cangas, Cuntis, Moaña, Mos, Ponteareas, Redondela, Tui, Vigo e Vilaboa). En concreto, as actividades son o XXI Festival Xironsa de Cambados; o XXIV Canjazz de Cangas; a XXXVIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas; A Revolta do Umia de Cuntis; o Festival Morrasound Rock Fest de Moaña); o VI Festival Intercéltico O Son do Pazo de Mos; e o Festival Rock in Rio Tea de Ponteareas.
Tamén levan axudas o XIV Festival Alternativo de Música Millo Verde de Redondela; o XXII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juan Amoedo;o 9º IKFEM. Festival de Teclado da Eurocidade Tui-Valença; o Vertixe 9 de Vigo; o XXVIII Revoltallo de Música e Cultura Emerxente de Valadares- Vigo) e o Festival Canteirafest de Vilaboa.




