O encontro celebrarase este martes 29 en Vila Nova de Cerveira co obxectivo de abordar, entre outras cuestións, o impulso que debe recibir o territorio miñoto logo do peche da fronteira pola COVID-19
Estarán presentes as secretarias de Reto democráfico e Fondos Europeos pola parte española e a ministra de Coesão e a secretaria de Función Pública e Valorização do Interior por parte lusa, ademais do presidente da Xunta e outras autoridades
O AECT Río Miño, xunto ao Goberno portugués, reunirá mañá en Vila Nova de Cerveira a altos cargos de ambos estados relacionados coa cooperación ibérica e coa xestións dos fondos europeos -ademais das máximas autoridades galegas e da rexión Norte de Portugal- co fin de abordar os retos da fronteira para os vindeiros anos.
A xornada está plantexada como un ‘Encontro de Cooperación Transfronteiriza’ no que haberá unha primeira parte de partilla de experiencias e boas prácticas e unha segunda na que se debaterá sobre os desafíos futuros. Entre outros, un dos aspectos que se pretende tratar é o impulso que deben recibir os territorios raianos, entre eles o territorio miñoto, logo das consecuencias negativas do peche das fronteiras a causa da crise sanitaria da COVID-19.
O encontro plantéxase nun momento crucial no que o AECT Río Miño está inmerso na captación de fondos europeos para a rexeneración da actividade socioeconómica da zona do Miño, gravemente golpeada durante o último ano e medio. Na reivindicación do agrupamento está o destino de fondos específicos para a área debido tanto ás perdas de empresas como de persoas traballadoras, así como que os fondos destinados á rexeneración das fronteiras se invistan realmente nos territorios transfronteirizos en lugar de deturparse noutras rexións.
Na sesión de apertura tomarán a palabra o secretario de Estado de Política Territorial e Función Pública (España), Víctor Francos; o director do AECT Rio Minho, João Fernando Brito Nogueira; o embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes; a embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos Roig; e a secretária de Estado da Valorização do Interior (Portugal), Isabel Ferreira.
A parte de ‘Desafíos futuros’ será moderada polo integrante do Grupo de Trabalho da Estratégia Comum de Desenvolvimento Transfronteiriço (ECDT) da Universidade do Porto, José Alberto Rio Fernandes. Este dará paso á conferencia sobre a ‘Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteiriço (ECDT)’, impartida polo secretario Xeral de Reto Demográfico (España), Francesc Boya Alós, ao que seguirán o presidente do Conselho Diretivo da Agência para o Desenvolvimento e Coesão, IP (Portugal), Nuno Oliveira dos Santos e a secretaria Xeral de Fondos Europeos (España), Mercedes Caballero Fernandez, que falarán sobre ‘A importancia dos próximos programas de cooperación territorial transfronteiriza’. Tamén participarán, achegando as ‘Visións rexionais’ o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller e o vice-Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, Beraldino Pinto.
Na parte de intercambio de experiencias, na que exercerá de moderador o integrante do Grupo de Trabalho da Estratégia Comum de Desenvolvimento Transfronteiriço (ECDT) da Universidade de Aveiro, Miguel Viegas, o vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, exporá o traballo realizado coa marca turística ‘Rio Minho’.
Participarán tamén expoñendo o ‘Programa IACOBUS’ o responsable do AECT Galiza- Norte de Portugal, Xosé Lago; falará sobre ‘TUT – Transporte Urbano Transfronteirizo’ o integrantes da Eurocidade Chaves- Verín, Nuno Vaz; abordará o ‘Territorio Museo’, o integrante da Eurocidade do Guadiana, Luís Romão; exporá o proxecto ‘Zasnet – Meseta Ibérica’ Hernâni Dias, do AECT Zasnet; falará sobre o ‘Cluster da Educación da Cencyl’ Cristina Oliveira, da Comunidade de Trabalho Rexión Centro de Portugal – Castela e León; abordarase o ‘Proxecto AGROPOL’ da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Alentejo-Centro-Extremadura, a cargo de Teresa Jorge e Clara Lourenço; e finalmente falarase sobre ‘Turismo Activo e os eixos fluviais: exemplo de Douro-Duero’ con representante da AIMRD – Associação Ibérica de Municípios Ribeirinhos do Douro, Jesús Rivas Rojo.
Oencontro terá lugar en formato mixto no Cineteatro Marreca Gonçalves, en Vila Nova de Cerveira mañá martes 29 de xuño. Comezará ás 10.30 (hora galega) e pódese seguir de maneira telemática na canle de Youtube do AECT Río Miño.




