Os axentes de baixa que non puideron traballar foron substituídos de inmediato por outros compañeiros para garantir o eficaz funcionamento do servizo, que atendeu unha vintena de servizos
A Policía Local do Concello de Ourense atendeu as necesidades da cidade no día de onte con total normalidade, contando cun dispositivo formado por 4 patrullas operativas, e outras dúas localizadas en situación de dispoñibilidade por se nalgún momento se facía precisa a súa incorporación.
O Concello de Ourense desminte, xa que logo, a información publicada no xornal La Región do día de hoxe, na que se di: La Policía Local patrulló la ciudad con solo un agente durante 12 horas.
Ao inicio da quenda da mañá, o servizo tivo coñecemento da baixa de media ducia de axentes, a maior parte delas motivadas por efectos adversos ante a vacinación fronte á COVID-19. De inmediato, o servizo municipal tomou as medidas necesarias para garantir a dispoñibilidade de axentes que o servizo require para unha xornada normal: 4 patrullas e, a maiores, a posibilidade de incorporar outras 2 patrullas de xeito inmediato se fose preciso. Polo tanto, realizáronse de inmediato as substitucións de forma que o servizo se prestou con total normalidade ao longo da xornada.
De feito, o dispositivo policial atendeu durante xornada unha vintena de servizos, como constatan o informes do oficial coordinador do servizo, que reporta que se atenderon incidencias como accidentes sen feridos, saídas de vía, colaboración con diferentes servizos municipais, intervención en zonas de carga e descarga, vaos ou de parada de taxis ocupadas por vehículo, regulación de tráfico por obras en rúas da cidade, dilixencias por danos en vehículos, unha pelexa e un requirimento pla presenza dunha persoa agresiva, entre outros.




