- O Concello acaba de recibir o informe ambiental estratéxico necesario para a redacción do plan especial de dotacións
- O Concello de Soutomaior acaba de recibir o informe positivo da Xunta de Galicia sobre os posibles efectos ambientais derivados da construción do novo ambulatorio que dará servizo a todo o municipio. Un trámite necesario para que o Concello poida continuar co Plan Especial de Equipamentos e Dotacións ( PEID) posto en marcha para regular a implantación do novo ambulatorio na parcela escollida, cualificada como rústica, e poñela ao dispor do SERGAS para que inicie a construción do novo centro de saúde.
Así, unha vez recibido o visto e prace ambiental, o consistorio xa pode comezar coa redacción do plan especial de infraestruturas que, unha vez finalizado e aprobado polo pleno municipal, deberá remitirá á Xunta de Galicia para recibir os pertinentes informes sectoriais e a aprobación urbanística da Consellería de Medio Ambiente e Territorio. Unha vez finalizados todos estes trámites o goberno local poderá aprobar o plan no pleno da corporación municipal e dar paso á expropiación da parcela de 8.000 metros cadrados que albergará o novo ambulatorio.
“Son moitos trámites, informes, permisos… sumando todos os prazos aínda nos faltan algúns meses para que poida comezar a construción do novo centro de saúde, pero estamos a traballar para reducilos todo o posible”, explicou o alcalde, Agustín Reguera, que se mostrou confiado sobre a data de inicio das obras, “sen ningunha dúbida en 2022 teñen que comezar a construción do novo ambulatorio. Neste sentido tamén temos traballo adiantado porque xa dispoñemos de todos os servizos necesarios xunto á parcela”, finalizou o alcalde.
O novo centro de saúde contará cunha superficie construída de 1500 metros cadrados e máis de 6000 metros dedicados a zonas de aparcamento e servizos. Substituirá ao actual ambulatorio de Arcade e ao consultorio de Soutomaior e terá capacidade suficiente para acoller a novos médicos que alivien a situación da atención sanitaria no municipio.




