― A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Poio (Pontevedra) no III Congreso de Asociacións de Mulleres
― Máis de 60 entidades sen ánimo de lucro desenvolverán este ano programas en favor de mulleres vulnerables cos apoios da Xunta cifrados en 1,4 millóns de euros
― O Goberno galego vén de convocar a liña de axudas para asociacións e federacións de mulleres, que poden solicitarse ata o 22 de xullo
― López Abella valorizou o papel das entidades como factor de dinamización do rural e de loita contra as violencias machistas
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no III Congreso de Asociacións de Mulleres organizado pola entidade Mulleres en Igualdade de Poio con apoio da Xunta e da Federación de mulleres pola igualdade de Pontevedra (Femupo) onde quixo destacar o papel fundamental das entidades para potenciar a participación das mulleres e desenvolver programas integrais para os colectivos femininos máis vulnerables.
A Xunta vén de convocar as axudas que a Consellería de Emprego e Igualdade destina a asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.
López Abella defendeu na súa intervención o necesario impulso e a dinamización das asociacións de mulleres, “entidades clave e eixos de transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva”, e incidiu na súa especial relevancia no ámbito rural, onde son factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida e fornecedoras do tecido social.
As entidades contan ata o 22 de xullo para presentar a súa solicitude, lembrou secretaria xeral, que anunciou que o orzamento neste 2021 vén de duplicarse na liña da convocatoria coa que se apoia a consolidación das entidades que pasa dos 80.000 aos 164.757 euros para paliar os efectos da covid-19.
Mulleres vulnerables
López Abella lembrou por outra banda que a Xunta destinará este ano 1,4 millóns de euros a 61 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incluíndose entre estas as vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, migrantes ou refuxiadas, as pertencentes a minorías étnicas ou reclusas e ex-reclusas, entre outras.
Con estas axudas, “o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade” incidiu a secretaria xeral, quen apuntou que o obxectivo non é outro que dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.




