HomePontevedraO PP fai fronte común contra o atraso xeneralizado que acumulan as...

O PP fai fronte común contra o atraso xeneralizado que acumulan as obras do Goberno central en Pontevedra e o “ ninguneo do PSOE coa cidade”

- Anuncio -spot_img

A deputada nacional Ana Pastor, a senadora Pilar Rojo, a deputada autonómica Lupe Murillo, a deputada provincial Pepa Pardo e o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, analizaron o “deixamento á que está sometida Pontevedra por parte do Goberno central”

As obras da circunvalación de Pontevedra, o paseo litoral ata Marín, a licitación do nó de bombeiros ou a falta de avances no edificio que ocupaba o Ministerio de Facenda en San Francisco, foron algúns dos puntos tratados

“A cidade de Pontevedra está abandonada por executivo de Sánchez. Non só non se presentan proxectos, é que se abandonan aqueles que xa estaban consolidados. Non só non se incrementa o orzamento, senón que se diminúe”

O Partido Popular de Pontevedra escenificou este venres unha fronte común no que están representados membros da formación en todos os niveis para denunciar de maneira conxunta o “abandono do Goberno central á cidade do Lérez”. A vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, os deputados nacionais Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, a senadora Pilar Rojo, a deputada autonómica Lupe Murillo, a deputada provincial Pepa Pardo e o presidente dos populares de Pontevedra, Rafa Domínguez, analizaron nesta rolda de prensa “o deixamento e ninguneo ao que está sometido Pontevedra por parte do Goberno central”.

“Coa chegada do PSOE ao Goberno, Pontevedra foi abandonada. Non só non se presentan proxectos novos ou ilusionante para a cidade, é que se abandonan aqueles que xa estaban consolidados. Non só non incrementa o orzamento para Pontevedra ou para Galicia, é que diminúen esas partidas”, destacaron os populares ao comezo da comparecencia.

Debido a este “ ninguneo” coa urbe, o Partido Popular “lanza unha ofensiva en todos os ámbitos políticos, a nivel local, a nivel provincial, a nivel autonómico e a nivel nacional, tanto no Congreso como no Senado, para defender os intereses de Pontevedra e os dos seus cidadáns. Queremos que leven a cabo os proxectos prometidos, pero que tamén presenten novos e ilusionantes”.

As obras da circunvalación de Pontevedra, o paseo litoral ata Marín, a licitación do nó de bombeiros ou a falta de avances no edificio que ocupaba o Ministerio de Facenda en San Francisco, foron algúns dos puntos tratados polos populares. “A parálise absoluta na circunvalación, unha obra tan importante para Pontevedra; a lentitude na licitación das obras que se executarán no nó de bombeiros; o total abandono do edificio de Facenda, que ata lle colocaron uns valos #ante a deterioración do tellado; o paseo litoral a Marín, unha proposta nosa, que segue aínda pechada a pesar de estar terminada… Son exemplos de como o PSOE abandonou Pontevedra, e desde o Partido Popular, desde todos os niveis, vai traballar para reverter a situación”.

Ana Pastor puxo as cifras a este traballo dos populares no Congreso en relación á cidade de Pontevedra: 400 preguntas, máis dunha ducia de solicitudes de informes e numerosas proposicións non de lei. “Con este Goberno, Pontevedra perdeu máis de 100 millóns de euros en investimentos. Por iso presentamos 59 emendas só para Pontevedra cidade, cun valor próximo aos 60 millóns de euros. Ha todo dixéronnos que non”.

Sobre a circunvalación de Pontevedra, Pilar Rojo preguntouse que entende o Goberno central cando di que a obra vai “a bo ritmo”: “É unha obra iniciada en 2015, e só realizaron o 50 por cento do primeiro tramo. A palabra estancamento sería bastante máis adecuada para este proxecto. Menos mal que esta é a obra de referencia do Goberno para Pontevedra”. Da lentitude nesta obra tamén fixo alusión Ana Pastor: “Sabemos que estas obras chegaron a estar totalmente paradas”.

Nesta liña, Pastor referiuse tamén “á lentitude coa que se están desenvolvendo a execución das obras no nó de bombeiros”: “En tres anos non fixeron nin un só avance. É unha obra que é clave para a circulación de Pontevedra e seguimos practicamente no mesmo punto de partida”.
Os populares avanzaron que presentarán diferentes mocións en diferentes organismos, empezando polo Concello de Pontevedra e a Deputación, para “esixir ao PSOE que cumpre dunha vez con Pontevedra”.

Publicacións Relacionadas