HomeDeputaciónsDeputación PontevedraUxío Benítex reivindica liñas vermellas de calidade nos elementos urbanos para "crear...

Uxío Benítex reivindica liñas vermellas de calidade nos elementos urbanos para “crear un bo hábitat para as persoas”

- Anuncio -spot_img

O deputado de Mobilidade participou hoxe en Madrid na Xornada sobre a Nova Bauhaus xunto ao ministro Ábalos e representantes do Parlamento e a Comisión Europea

Explicou o proxecto Ágora e a avogou por recuperar o espazo público para as persoas como un dereito a igual nivel que a sanidade ou a educación

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez reivindicou hoxe a necesidade de crear liñas vermellas de calidade ao actuar nos elementos urbanos de vilas e cidades para “crear un bo hábitat para as persoas”. Así o manifestou en Madrid durante a súa participación como relator na Xornada sobre a Nova Bauhaus organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) -na que tamén estiveron presentes o ministro Ábalos e representantes do Parlamento e Comisión Europea-, e para a que Ágora foi seleccionada e considerada “iniciativa aliñada”.

O deputado nacionalista explicou o proxecto Ágora da Deputación na súa intervención, defendendo a recuperación do espazo público para as persoas como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade e a educación. Baseou a súa intervención nunha análise comparada entre o hábitat animal e o hábitat humano, poñendo de manifesto o crecente interese por protexer o primeiro fronte á laxitude á hora de implantar estándares mínimos de calidade cando se deseñan ou reforman espazos públicos para a convivencia das persoas.

Falou sobre a evolución histórica das cidades e como a educación á que está sometida a cidadanía fixo que se asumisen roles centrados na hexemonía do vehículo. Cuestionouse se realmente hoxendía as vilas e cidades son seguras e axeitadas para a vida humana e citou paradoxos como correr nun ximnasio, mercar en centros comerciais con rúas artificiais ou xogar nos parques de bolas de plástico fronte a facelo ao aire libre.

Fronte a esa concepción, Benítez explicou que para redeseñar o espazo habitado no proxecto Ágora da Deputación buscáronse todos os datos necesarios para converter ás persoas que camiñan e socializan no espazo público en protagonistas da transformación no referido tanto á funcionalidade, estética, sustentabilidade e inclusión. Puxo sobre a mesa, por exemplo, canto espazo necesitan para camiñar e convivir, canto ocupan, chegando con iso aos estándares mínimos de características das beirarrúas, con entre 2,5 e tres metros mínimo de ancho, de tal forma que poidan cruzarse dous paraugas abertos con certa comodidade. Enumerou, así mesmo, boa parte dos proxectos de mellora urbana realizados na provincia de Pontevedra.

Benítez tamén instou, de modo xeral, a aproveitar o proxecto da Nova Bauhaus Europea a UE para aplicar políticas que poñen no centro do foco o tratamento do espazo público e non tanto a arquitectura de construcións singulares. Destacou que se trata dunha grande oportunidade para que rexurda o sentimento de convivencia na Unión Europea.

Ágora, aliñada coa Nova Bauhaus Europea
A Nova Bauhaus Europea é un movemento impulsado pola presidenta da Comisión Europea Úrsula von der Leyen “para construír espazos de vida sustentables e accesibles”. Trátase dunha iniciativa creativa e interdisciplinaria que “abre un espazo de encontro para deseñar futuras maneiras de vivir e sitúase na encrucillada entre a arte, a cultura, a inclusión social, a ciencia e a tecnoloxía”.

Entre os seus obxectivos está reunir á cidadanía, persoas expertas, empresas e institucións e propiciar conversacións sobre como facer máis alcanzables e accesibles os espazos vitais do futuro; mobilizar a persoas deseñadoras, arquitectas, enxeñeiras, científicas, estudantes e mentes creativas de todas as disciplinas para reimaxinar unha vida sostible ; tratar de mellorar a calidade da experiencia vital, insistindo no valor da sinxeleza, a funcionalidade e a circularidade dos materiais, sen que iso vaia en detrimento de a comodidade e o atractivo necesarios na nosa vida cotiá; e finalmente facilitar apoio financeiro a ideas e produtos innovadores a través de convocatorias de propostas específicas e programas coordinados que se incluirán no marco financeiro plurianual da Unión Europea.

O proxecto Ágora da Deputación foi seleccionado para participar na xornada de hoxe tras ser considerado “aliñado” con estes valores por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Por este motivo o deputado Uxío Benítez estivo hoxe en explicando a iniciativa provincial, a súa filosofía e principios básicos ao resto do Estado.

Entre as autoridades que participaron na Xornada sobre a Nova Bauhaus estiveron, ademais do ministro José Luis Ábalos, o secretario xeral de Axenda Urbana David Lucas, o director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura Iñaqui Carnicero, así como Marcos Ros, representante do Parlamento Europeo, Montserrat Marín Ferrer, do Joint Research Center, e Laura Hagemann Arellano, directora xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.

Publicacións Relacionadas