HomeOurenseOurenseO alcalde asina o decreto de delegación de competencias nos concelleiros e...

O alcalde asina o decreto de delegación de competencias nos concelleiros e nas concelleiras do goberno municipal formado polos grupos de DO e PP

- Anuncio -spot_img

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou esta mañá o decreto no que lles asigna competencias aos concelleiros e ás concelleiras dos grupos políticos de Democracia Ourensana e do Partido Popular que forman o goberno municipal. No decreto efectúa as delegacións das distintas áreas de goberno, incluíndo a autorización e disposición de gastos, as facultades de dirección e xestión dos servizos correspondentes, así como a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros e a resolución de recursos de reposición que se interpoñan contra os ditos actos.

1.- No concelleiro e membro da Xunta de Goberno Local, Jorge Pumar Tesouro, delega as atribucións en relación coa Área de MEDIO AMBIENTE, que comprende: Medio ambiente (control e calidade ambiental e sustentibilidade), Limpeza de terreos en solo rústico e urbano, e prevención e defensa contra os incendios forestais, Parques e xardíns, e Limpeza viaria.

2.- Na concelleira Sonia Ogando Vázquez o exercicio das atribucións en relación coa Área de URBANISMO, VIVENDA E PATRIMONIO, que comprende: Urbanismo, licenzas e vivenda: Intervención na edificación e uso do solo, Disciplina urbanística, Planeamento urbanístico e xestión; Patrimonio municipal, Oficina do PERI e Responsabilidade patrimonial.

3.- No concelleiro José Mario Guede Fernández o exercicio da atribucións en relación co Consello Municipal de deportes (CMD), así como a súa Presidencia.

4.- Na concelleira e membro da Xunta de Goberno Local, dona Flora Moure Iglesias, o exercicio das seguintes atribucións en relación coa Área de TURISMO, TERMALISMO, PARTICIPACIÓN CIDADÁ e XUVENTUDE.

5.- Na concelleira Eugenia Díaz Abella, o exercicio das atribucións en relación coa Área de SERVIZOS SOCIAIS, que comprende: Asuntos sociais, Muller e Igualdade e Saúde.

6.- No concelleiro e membro da Xunta de Goberno Local, Telmo Manuel Ucha Álvarez, o exercicio das atribucións en relación coa Área de SEGURIDADE CIDADÁ, que comprende : Policía Local, Tráfico e expedientes sancionadores, Servizo de extinción de incendios, Protección Civil e Voluntariado.

7- Na concelleira e membro da Xunta de Goberno Local, Ana María Fernández Morenza o exercicio das atribucións en relación coa Área de ECONOMÍA E FACENDA, que comprende: Intervención, Xestión económica e xestión orzamentaria, Xestión Tributaria e de recadación, e Tesourería.

8.- No concelleiro e membro da Xunta de Goberno Local, Armando Ojea Bouzo o exercicio das atribucións en relación coa Área de RECURSOS HUMÁNS.

Esta resolución produce efectos dende a mesma data da súa sinatura, hoxe, venres, sen prexuízo da preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia, e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ourense e da Casa do Concello. Tamén se lles dará conta ao Pleno da Corporación e á Xunta de Goberno local na primeira sesión que teña lugar.

Xunta de goberno local e áreas de goberno

O alcalde asinou tamén o decreto no que nomea membros da xunta de goberno local a Armando Ojea, Telmo Ucha, Jorge Pumar, Ana Morenza e Flora Moure, e concelleiro secretario a Armando Ojea, do que será substituto Telmo Ucha no caso de ausencia, enfermidade ou abstención.

Tamén asinou o decreto no que determina as áreas de goberno, que constitúen o primeiro nivel esencial da organización municipal e comprenden, cada unha delas, un ou varios sectores funcionalmente homoxéneos da actividade administrativa. Así, o decreto estrutura o Concello en 14 áreas de goberno: Alcaldía; Servizos Xerais; Infraestruturas; Medio Ambiente; Urbanismo, Vivenda e Patrimonio; Educación e Cultura; Promoción Económica; Servizos Sociais; Mobilidade e Transporte; Seguridade Cidadá; Economía e Facenda; Recursos Humanos; Turismo, Termalismo, Participación Cidadá e Xuventude; e Deportes.

Publicacións Relacionadas