HomePontevedraO verán arranca na Biblioteca da Xunta en Pontevedra con obradoiros de...

O verán arranca na Biblioteca da Xunta en Pontevedra con obradoiros de música e arte visual

- Anuncio -spot_img

— As actividades, dirixidas á rapazada de 6 a 12 anos, desenvolveranse ao longo de xullo


— Haberá tamén mostras bibliográficas sobre rutas xacobeas e actividades de lecer


— No período estival o centro estará aberto de luns a venres e de 8,30 a 14,30 h

A biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Xunta ofrece ao longo de xullo obradoiros de música e artes visuais dirixidos á rapazada de 6 a 12 anos de idade. Xunto con estas actividades, o público terá dispoñible unha mostra de guías turísticas coas que coñecer diferentes rutas por España e Portugal e planificar así posibles viaxes nas vacacións. Cómpre sinalar que en xullo e agosto o centro bibliotecario abrirá no horario habitual do período estival, de luns a venres e de 8,30 a 14,30 h.
Hoxe comeza o obradoiro de lettering e arte visual, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos e que terá lugar todos os martes de xullo, de 11,00 a 12,30 h. O obxectivo é achegarlles aos participantes o proceso de creación dunha mensaxe visual, mediante a combinación de texto e imaxes, coa satisfacción de que cada quen leve á práctica a súa propia idea.
Por outra banda, o xoves día 8 arranca o obradoiro de historias e creación musical que se desenvolverá todos os xoves do mes. A través del, a rapazada de 6 a 8 anos afondará no mundo dos contos de xeito creativo e musical. Cada día, partindo da escoita dunha historia diferente, realizaranse actividades musicais de canto, baile e percusión relacionadas co conto e as personaxes. O horario das sesións será tamén de 11,00 a 12,30 h.
Mostras para gozar do verán
Canto ás mostras previstas, centraranse no tempo de lecer e nas rutas xacobeas. Así, en xullo estará dispoñible no segundo andar o centro de interese Estas vacacións… Algunhas ideas para este verán, cunha selección de libros e guías turísticas sobre rutas por España. Xa en agosto, neste mesmo espazo instalarase Sol, vacacións e cine, con películas para gozar do verán.

Pola súa banda, o público infantil disporá ao longo de dous meses da mostra Camiña Galicia: as rutas galegas do Camiño de Santiago, coa que o centro bibliotecario se suma á celebración do Xacobeo. Tamén no marco desta conmemoración, para o público xuvenil e adulto, instalarase en agosto O Camiño de Santiago por España. Ademais, durante este mes de xullo, do día 14 ao 28, chega a Pontevedra a exposición itinerante promovida pola Xunta no marco do Día das Letras Galegas Asinamos ser libres, a prol da difusión da vida, obra e contexto histórico de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano. Coordinada por María Xesús Nogueira, autora dos textos, e producida por Ouvirmos, a mostra inclúe fotografías de Xulio Gil, do arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia. Trátase de 12 paneis que percorren a infancia, adolescencia, primeiros textos poéticos, o seu labor como tradutora e a experiencia da maternidade, entre outros aspectos da figura.

Publicacións Relacionadas