• Cubela valora moi positivamente a unidade de acción dos grupos políticos, comunidades de montes, técnicos e veciños fronte ás pretensións disparatadas de multinacionais enerxéticas
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os representantes do PSdeG-PSOE, Regina Sobral, e do BNG, Ernesto Filgueira, asinaron conxunta e unánimemente o respaldo ás alegacións que presenta o Concello aos parques eólicos Siroco e Tramontana, que xa contan co informe desfavorable da Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia por estar gran parte das súas infraetruturas fóra da normativa establecida polo Plan Sectorial Eólico de Galicia.
Os voceiros dos tres grupos municipais con representación na Corporación de Cerdedo-Cotobade respaldan deste xeito os traballos realizados polos técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental, que redactaron as alegacións que se incluíron no documento interposto pola administración local diante destes proxectos
liderados pola multinacional enerxética Greenalia Wind Power.
Esta actuación prodúcese dentro da vontade específica e irrenunciable do alcalde, Jorge Cubela, de manter unha actitude de unidade de acción entre todas as forzas políticas con representación na Corporación Municipal, así como comunidades de montes, técnicos municipais e veciños para visibilizar os defectos e problemas que presentan estes proxectos eólicos que se someten a información pública.
O alcalde, Jorge Cubela manifestou que “con este acto, de sinatura e respaldo aos traballos realizados para presentar as alegacións, queremos tamén evidenciar ante a opinión pública o noso desexo de camiñar xuntos, da man dos veciños, na defensa dos intereses da veciñanza e dos lugares que compoñen o municipio de Cerdedo-Cotobade e que se ven afectados pola irrupción disparatada dun inxente número de proxectos eólicos que saturan de maneira extrema as posibilidades que o noso concello pode ofrecer desde o punto de vista racional, da sostenibilidade medioambiental e do aproveitamento harmónico dos recursos naturais dos que dispoñemos”.
“DICIMOS NON A UN PROXECTO QUE ESTÁ TRAMITANDO O GOBERNO DE ESPAÑA E O MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA”
“Alegrámonos de que a Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia emitira un informe desfavorable á tramitación que estes dous parques están levando diante do Goberno de España e do Ministerio de Transición Ecolóxica, pero pese a elo nós tamén queremos amosar a nosa disconformidade con estes proxectos concretos e por iso tamén
contibuímos coas nosas alegacións ao seu desbotamento. Coa sinatura de hoxe dicimos non a estes proxectos que está tramitando o Goberno de España e o Ministerio de Transición Ecolóxica”, indicou Cubela.
Finalmente, Cubela reflexionou sobre a importancia de poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico de concellos como o de CerdedoCotobade á hora de confrontar proxectos eólicos que pese a estar ligado con exerxías renovables, “a súa saturación produce graves problemas en espazos e entornos rurais crebando por completo o ecosistema e o modo
de vida dos nosos pobos e a dos nosos veciños polo que debemos ser moi coidadosos e protectores do que temos, do noso legado medioambiental que estamos obrigados a defender e conservar”, concluíu o alcalde de Cerdedo-Cotobade.




