· Os populares cren que supón unha mala imaxe para a zona de promoción económica do municipio así como un posible foco de contaminación por material que precisa dun tratamento axeitado.
· Empresas adxudicatarias de obras promovidas polo Concello levan meses acumulando residuos nesta parcela duns 5.000 metros cadrados de superficie e de titularidade municipal.
PO Grupo Municipal do PPdeG esixirá ao Goberno de Andrés Díaz no vindeiro Pleno que se celebrará ao longo deste mes que ordene ás empresas que están utilizando unha parcela municipal no polígono industrial da Reigosa que retiren de inmediato os cascallos que desde hai meses se están acumulando neste terreo causando unha pésima imaxe desta zona de promoción económico ao tempo que podería supoñer un presunto foco de contaminación xa que se está facendo acopio de material que precisa ser tratado axeitadamente, como marca a lexislación vixente.
Os populares insistirán na necesidade de que o alcalde ordene ás empresas que están facendo acopio de residuos que procedan de inmediato á súa retirada e tratamento tal e como se comprometen nos respectivos contratos de execución das obras asinados e polo que tamén cobrarán os correspondentes emolumentos por realizar esa función.
Nos últimos meses dúas parcelas municipais existentes no polígono industrial da Reigosa estanse convertendo nun problema pola continua acumulación de cascallos que se van amoreando neste terreo que supera os 5.000 metros cadrados de superficie ofrecendo unha imaxe penosa para calquera que se achegue ata o lugar podéndose observar restos de tubaxes de cemento, cascallos procedentes de beirarrúas, asfalto e toda unha serie de elementos que teñen que ser tratados axeitadamente e ao que están obrigadas as empresas que realizan calquera obra destas características.
ONDE ESTÁ O CAUCHO RETIRADO POLO CONCELLO DO CAMPO DE FÚTBOL E QUE TRATAMENTO ANTICONTAMINANTE RECIBE?
Por outra banda, o PPdeG preguntará no vindeiro Pleno polo paradoiro das bolsas cos residuos procedentes das obras do campo de fútbol que durante meses e meses estiveron tirados no Chan da Barcia motivando protestas dos veciños e dos propios edís populares en varios plenos o que provocou que, por orde do Concello, operarios dunha empresa local procederan á súa retirada en lugar da firma concesionaria das obras de substitución do céspede artificial e colocación da pista de pádel e que todavía están sen rematar.
Os populares preguntaranlle ao alcalde polo paradoiro deses residuos e o tratamento descontaminante ao que tiñan que ser sometidos, tal e como anunciara o rexidor nun Pleno a preguntas do PPdeG. Ademais volverán insistir sobre a situación de pagamento destas obras que están sen rematar e que o alcalde asegurou que non pagaría mentras non se finalizaran a satisfacción do Concello, pero sobre as que hai sospeitas de que xa están prácticamente abonadas.
O PPdeG volve a evidenciar a xestión caótica do Concello onde as empresas incurren en continuos retrasos, como as obras da Avenida de Vigo (cara ao Balneario) que tiñan que estar xa rematas e levan un retraso considerable e que veñen a unirse á nula capacidade do goberno municipal para facer cumprir aos adxudicatarios as súas obrigas contractuais ao igual que pasa coa empresa encargada da recollida de lixo que, presuntamente, incumpre varios preceptos contractuais sen que ninguén lle demande responsabilidade algunha desde o Concello.




