HomeTabeirósCerdedo - CotobadeComeza a instalación en Carballedo e nas terras altas do Concello de...

Comeza a instalación en Carballedo e nas terras altas do Concello de Cerdedo-Cotobade a fibra óptica

- Anuncio -spot_img

• Jorge Cubela considera unha clara aposta de futuro para o municipio o acceso á internet de alta velocidade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción polo inicio, por parte dunha empresa operadora de telefonía e telecomunicacións, do proceso de instalación de fibra óptica en Carballedo e nas zonas altas do municipio o que permitirá dar servizo de internet de alta velocidade a empresas, locais comerciais, fogares, etc.

Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela “esta boa nova vén a refrendar, por parte das grandes empresas, a súa aposta polo futuro de Carballedo e a súa zona de influencia e, en definitiva, de todo o concello de Cerdedo-Cotobade que está a demostrar que é un dos máis activos da comarca de Pontevedra como polo de atracción tanto de investimentos como de dinamización demográfica como o testemuñan os recentes datos estatísticos en materia de adquisición de inmobles de segunda residencia como na acollida de familias que elixen o noso municipio para vivir”.

Cubela insistiu en impulsar a dotación de servizos no municipio “pensando no horizonte do ano 2022 como obxectivo para a implantación definitiva destas redes no municipio de Cerdedo-Cotobade e que van avanzando sobre o cronograma previsto despois de que xa remataran varias fases de instalación nas parroquias de Tenorio e Viascón e pola continuidade da instalación do servizo, por parte de Movistar, nos lugares de A Longa, Barbeitos, Vila de Abaixo e Vila de Arriba. Tamén teñen todos os informes favorables os traballos de instalación de fibra óptica nos lugares de Serrapio, Pedre, Deán, Loureiro, Cerdedo, Barro, O Casal, Mouteira e Vilar polo que imos avanzando con paso firme e seguro neste proceso de modernización e adaptación tecnolóxica en todo o municipio”.

Tras a súa posta en marcha, as industrias, comercios e vivendas dos emprazamentos beneficiarios poderán acceder a Internet a unha velocidade de alomenos 100 megas, o que axilizará dende as súas cuestións profesionais ata o seu uso a nivel de usuario e suporá tamén importantes beneficios para súa dinamización económica, acceso a televisión, execución de videochamadas e seguridade na transmisión e gardado de datos.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou finalmente que a “dotación de fibra óptica é xa unha realidade para non perder o tren do progreso que circula da man das autoestradas da información e polos sistemas de alta velocidade de internet. Máis agora cando, por mor das restricións pola pandemia da Covid-19, imponse cada vez máis o
teletraballo e novos modelos e procesos laborais que nos obrigan a dispoñer deste tipo de infraestruturas non so para ser máis competitivos, que tamén, senón incluso para ter este servizo nas nosas propias casas para uso de lecer e tamén formativo para as novas xeracións de mozos e mozas que viven e aprenden con e desde as novas tecnoloxías”.

Publicacións Relacionadas