· O Concello tramitou no mes de xuño boletíns de denuncias que suman en sancións 5.200 euros. En seis meses leva recadado 22.840 euros, o 190,33% do previsto para todo o ano nos orzamentos municipais.
· Díaz, cando estaba na oposición, acusaba ao goberno do Partido Popular de querer “coser a multas” aos veciños de Ponte Caldelas cando incluíu nos orzamentos unha partida de 6.000 euros para todo o ano e por este concepto.
O goberno de Andrés Díaz acada un récord histórico en recadación de multas de tráfico ao tramitar no mes de xuño boletíns de denuncias que suman 5.200 euros, prácticamente a mesma cantidade que orzamentou o último goberno do Partido Popular por ese concepto para todo o ano e que foi cualificada polo actual alcalde, cando estaba na oposición, dun intento de querer “coser a multas” aos veciños e veciñas de Ponte Caldelas.
Os edís do Partido Popular non saen do seu asombro ao comprobar como o afán sancionador e recadatorio para intentar “compensar” orzamentariamente a falta de liquidez e a nefasta xestión económica do Concello. Os populares ven con preocupación esta política sancionadora que se ceba nos veciños e visitantes de Ponte Caldelas que, ante a política caótica sobre o estacionamento disuasorio posto en marcha polo goberno de Andrés Díaz, son multados en lugar de aplicarse outro tipo de medidas correctoras máis pedagóxicas e efectivas fronte aos problemas derivados do caos circulatorio que impera na vila.
O PPdeG considera unha desproporción para un concello de 5.600 habitantes o nivel impositivo de sancións de tráfico por parte da administración de Andrés Díaz. A 30 de xuño supera nun 190,33% o valor estimado de recadación, polo Goberno Municipal, para os orzamentos do 2021. Mentras o rexedor prevía ingresar 12.000 euros en todo o ano, leva xa tramitado sancións polo importe total de 22.840 euros.
O voceiro do PPdeG na Corporación Municipal, Antón Xil, amosouse aínda máis sorprendido ao lembrar as declaracións que facía Andrés Díaz cando estaba na oposición e acusaba ao anterior rexedor, Perfecto Rodríguez, de “querer coser a multas aos veciños de Ponte Caldelas” por ter orzamentados tan so 6.000 euros para toda unha anualidade.
SEN AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL E AGORA TAMÉN SEN SOCORRISTAS O QUE PON EN PERIGO A CONTINUIDADE DA “BANDEIRA AZUL”
Por outra banda, o goberno de Andrés Díaz segue incumprindo os anuncios mediáticos que fai a través das redes sociais sobre medidas que non teñen efectividade práctica ou que deixa sin efecto despois de lograr o seu obxectivo propagandístico a bombo e platillo pero sen trascendencia real. Así, o anuncio de que este verán Ponte Caldelas disporía de 4 persoas destinadas a labores de policía local e que se poñería en marcha patrullas polas tardes, fins de semana e mesmo polas noites quedou en nada toda vez que as dúas auxiliares de Policía Local aos poucos días de comezar a prestar o seu servizo dun xeito que incumpría, presuntamente, a normativa da función para a que foron contratadas, pediron o seu traslado lonxe de Ponte Caldelas.
Estas auxiliares estaban patrullando soas, sen supervisión dun funcionario da Policía Local e fóra dos horarios asignados a estes axentes polo que estarían incumprindo, presuntamente, as condicións básicas da súa condición como auxiliares de Policía Local.
Os edís do Partido Popular enmarcan esta marcha de persoal do Concello de Ponte Caldelas nunha xestión nefasta en materia laboral que leva a que nos últimos meses pasaran polas dependencias municipais 4 arquitectos, outros tantos interventores, as 2 auxiliares de policía local e, agora, os 3 socorristas contratados para facer os seus labores na praia fluvial da Calzada, que tamén decidiron causar baixa como persoal municipal.
A marcha do terceiro e último socorrista dos que dispoñía o Concello de Ponte Caldelas para a praia fluvial da Calzada pon en perigo a Bandeira Azul, primeira concedida en España a unha zona de baño destas características pola ADEAC, xa que tiña que estar xa izada e ante o flagrante incumprimento dun dos condicionantes obrigatorios para que este distintivo de calidade ondee no mástil da Calzada podería privar a este municipio, por segunda vez xa con Andrés Díaz de alcalde, de lucir esta insignia, o que denota unha nova falta de previsión e nula xestión por parte do goberno municipal.




