Ernesto Filgueira: “Abanca está a actuar de xeito belixerante contra os intereses da veciñanza e contra o futuro do noso concello”.
Ante o anuncio do peche da sucursal de Carballedo, o BNG Cerdedo e Cotobade manifesta o “rexeitamento frontal a esta decisión tomada por Abanca” cuia acción entenden como un ataque directo ao rural e á súa veciñanza e anuncia a súa participación na concentración prevista para este xoves ás 20h. Sen embargo, os nacionalistas denuncian a xogo dobre do Alcalde; por un lado postúlase en contra do peche máis non ten feito unha condea pública contra o PP e contra Feijoo ao seren os verdadeiros responsables do que está a pasar coa banca en Galicia, particularmente en Cerdedo-Cotobade.
Ernesto Figueira denuncia a dobre moralidade do PP capitalizando unha loita cando son os responsábeis únicos de teren malvendido as caixas galegas e teren acabado coa parte máis social do sistema bancario que tiña este País, as malas artes do PP págaas agora a veciñanza de Cerdedo-Cotobade.
Cómpre lembrar como en meses pasados o BNG xa denunciara as actitudes abusivas de Abanca á veciñanza cobrando comisións desproporcionadas e indiscriminadas e cómo, de novo, volta asestar un golpe ao dereito de contarmos con servizos que faciliten a vida no noso concello de ámbito rural.
Por este motivo, o BNG participará en todas as accións de loita contra o peche da sucursal, denunciando o desprecio reiterado da dirección de Abanca con Cerdedo-Cotobade a través do cobro de altas comisións á veciñanza e aos pequenos empresarios locais, da precaria atención aos usuarios e da desigualdade social que están a xerar entre as bisbarras rurais e urbanas.
O BNG insta ao Alcalde a que non dilate o proceso de cambio das contas municipais e leve estas a unha entidade que desenvolva unha banca ética, social comprometida coa sociedade e clientes.
Segundo apunta Ernesto Filgueira: “A actitude da entidade bancaria está a ser arrogante, inxusta e totalmente insolidaria cunha veciñanza que leva décadas confiándolle os seus aforros, domiciliacións, nóminas e o cobro das súas pensións ademáis de todo o movemento económico da administración local. Deben rectificar”.




