Os populares rexistraron esta proposta de acordo para que o Goberno local subscriba un convenio de colaboración específico para a execución das obras deste espazo, albergue San Javier, que se situará na rúa Joaquín Costa
O novo proxecto de Cáritas pretende ampliar as instalacións e unificar servizos, de tal forma que se aumentará de 20 a 26 as prazas; a intención desta obra é quintuplicar os Servizos Social que ofrece a entidade na cidade
O Partido Popular de Pontevedra pedirá no próximo Pleno municipal que o Goberno local firme con Cáritas Interparroquial de Pontevedra un convenio de colaboración específico para a execución do novo Albergue San Javier, que se situará na rúa Joaquín Costa, no centro da cidade. As concelleiras Pepa Pardo e Silvia Xunco visitaron este novo espazo e coordinaron coa organización esta petición: “Este novo proxecto pretende ampliar as instalacións e unificar os servizos que se ofrecen na nosa cidade”.
Nesta liña, Pardo subliñou que se ampliará a capacidade do lugar, pasando de 20 a 26 prazas. Pero a concelleira fixo fincapé en que se creará un módulo habitacional específico para mulleres, algo que ningunha entidade ofrece na actualidade en Pontevedra. “Debemos apoiar e colaborar con proxecto do todo ambicioso que supoñerá un claro fito nos Servizos Sociais de Pontevedra”, recoñeceu Pardo.
A intención de Cáritas, como puideron coñecer as concelleiras, é quintuplicar os Servizos Sociais que viñan prestando ata o de agora. “Este espazo non se limitará a un albergue. Terá un centro de formación, un punto de información para Proxecto Home e ampliarase o Centro de Día, co gran servizo que este presta a persoas sen fogar”, enumerou a edil. Ademais, contémplase a creación de nove habitacións de “transición á normalidade para aquelas persoas que necesitan reinserirse”.
Para a consecución deste proxecto, Cáritas iniciou unha campaña solidaria de micromecenazgo na que os cidadáns e as institucións de Pontevedra poden colaborar. Por iso, Pardo defendeu que desde o PP de Pontevedra “enténdese que, en materia de Servizos Sociais, as Administracións debemos remar xunto a entidades como Cáritas na mesma dirección, colaborando estreitamente na protección das persoas vulnerables”.




