Asegura que todo responde a “unha denuncia sen base de persoas expulsadas da contorna de DO”
Gonzalo Jácome estará a disposición para prestar total colaboración ao xulgado na investigación que desenvolva
O alcalde de Ourense non recorrerá o auto ditado no día de onte polo Xulgado de Instrución número 3, que deixa sen efecto o sobreseimento da causa en relación coa xestión dos fondos de Democracia Ourensana. Gonzalo Pérez Jácome reafírmase na súa “absoluta tranquilidade” ante a reapertura da investigación e avanza que prestará total colaboración coa Xustiza na investigación que se desenvolva.
Contra este auto xudicial cabe interpoñer un recurso de apelación, mais Pérez Jácome non recorrerá xa que, asegura, non ten “ningún reparo en que se continúe investigando en calquera vertente: canta máis luz, máis claro quedará que non había irregularidades de xestión e que todo foi unha denuncia sen base de persoas expulsadas da contorna de DO”.
Ademais, Gonzalo Jácome seguirá sen personarse na causa, xa que agarda e confía que a xustiza “indague o que considere, estando sempre á disposición de prestar total colaboración ao xulgado na investigación que desenvolva”.
—




