Turismo accesible, sustentabilidade, artesanía, alfabetización dixital con “pílulas formativas” e promoción da cultura transfronteiriza nutren as ideas empresariais
A Deputación de Pontevedra acaba de seleccionar os cinco proxectos empresariais que formarán parte do segundo Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural que promove, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, no marco do plan de dinamización dos viveiros de empresas que xestiona en Lalín e Barro. Trátase dunha iniciativa para favorecer a creación de tecido empresarial na provincia que se desenvolverá telemáticamente desde o viveiro de empresas de Lalín e que este ano terá como novidade a implantación dunha nova fase formativa, posterior ao “DemoDay”.
O Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural é unha iniciativa de asesoramento, formación e mentorización dirixido a persoas emprendedoras, profesionais e/ou empresas, cuxos proxectos se sitúen no medio rural ou o poñan en valor. Dos cinco proxectos seleccionados, que se localizan en Lalín, Illa de Arousa-Meis, Cambados, Vigo e Tomiño, catro son de nova creación e o outro ten o obxectivo de consolidar o modelo de negocio iniciado pola empresaria que participa. Ademais, as cinco propostas foron presentadas por mulleres.
Os proxectos de nova creación son os de Manuela Fernández (A Illa de Arousa – Meis), para a posta en marcha dun negocio de turismo accesible de proximidade dirixido á terceira idade e a colectivos con necesidades educativas especiais; Xiana Meda (Cambados), baseado na creación dunha web sobre a sustentabilidade con dúas vertentes, a divulgación de información sobre o desenvolvemento sostible e a oferta de servizos de comunicación a empresas interesadas na sustentabilidade como valor de marca; Elga Johanna Medina (Lalín) de aposta pola artesanía e o ecodeseño con produtos feitos a man a partir de materiais sostibles e de proximidade, mentres que Mireia Murgoitio (Vigo) se centra na creación de pílulas formativas, en formato virtual e tamén presencial, destinadas á alfabetización dixital de empresas e particulares do rural. Doutra banda, o proxecto que busca consolidar o seu modelo de negocio foi presentado por Sheila Dorrego (Tomiño) e consiste nunha axenda de ocio e cultura que une as propostas culturais e deportivas do Baixo Miño e parte do Alto Minho Luso.
As persoas seleccionadas iniciarán a vindeira semana as 24 horas de formación específica dirixida ao impulso e posta en marcha dos proxectos, 11 horas de capacitación en habilidades emprendedoras, titorización e acompañamento individual e 5 horas e media de sesións de traballo en grupo. Durante a totalidade do programa, as participantes poderán empregar as instalacións dos viveiros de Lalín e Barro para avanzar nos seus proxectos.
O programa culminará coa presentación dos proxectos no “DemoDay” e a fase posterior, de dous meses de duración, con titorías individuais e grupais destinadas ao testeo e lanzamento das iniciativas empresariais. A formación desenvolverase principalmente en modalidade telemática e nos momentos en que se realice algunha actividade presencial respectarase o protocolo para a prevención da Covid-19.




