O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, constata a preocupación polo avance dos casos positivos por Covid, ao tempo que se solidariza cun sector que actuou “da maneira máis responsable posible”.
Pídelles ás institucións autonómica e estatal que “avalíen a posibilidade de crear unha liña de axudas enfocadas a este sector”.
Ourense, 16 de xullo de 2021.-
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, remitiulles senllas cartas á Xunta e ao Goberno de España para pedirlles que socorra os sectores económicos máis afectados pola pandemia, especialmente o da hostalaría e, concretamente, os traballadores do ocio nocturno. O rexedor constata nas misivas a súa preocupación polo avance dos casos positivos por Covid, ao tempo que se solidariza cun sector que actuou “da maneira máis responsable posible”.
“Como alcalde dunha das cidades con maior incidencia de casos positivos por Covid nesta quinta vaga”, afirma o rexedor nas cartas, “demanda a colaboración institucional en ámbitos que exceden as competencias municipais”. Así, Pérez Jácome solicita a intervención “para no deixar morrer a estes pequenos empresarios”, e pídelles ás institucións autonómica e estatal que “avalíen a posibilidade de crear unha liña de axudas enfocadas a este sector”.
As cartas, con data do 16 de xullo, fóronlle remitidas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, encabezada por Francisco Conde, e ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de Reyes Maroto.




