• Jorge Cubela fai un chamamento á responsabilidade e a participar en eventos seguros “con sentidiño”
O departamento de Cultural do Concello de Cerdedo-Cotobade intensifica as súas actividades socioculturais de finais do mes de xullo coincidindo coa celebración tradicional das Festas do Ecce Homo en Cerdedo e así prepara un amplio programa para todas as idades e poder disfrutar en familia combinando cine, obradoiros e xogos, maxia, música de banda e animación de rúa cunha charanga.
Así, o mércores 21 de xullo, a partir das 19 horas, terá lugar no Centro Cultural de Cerdedo a proxección da película “Trolls 2” con entrada gratuíta e seguindo un estricto protocolo para ocupar de xeito separado e con distanciamento as localidades dispoñibles.
O xoves 22 de xullo, ás 17 horas comezarán na praia fluvial de Cerdedo os obradoiros e xogos tradicionais para que os máis cativos poidan disfrutar dunha xornada divertida a cargo de monitores especializados en dinamizar o lecer. O acceso a todas estas actividades será gratuíto.
O Mago Tin estará o venres 23 de xullo ás 18:30 horas na praia fluvial de Cerdedo para ofrecer o seu espectáculo a aquelas persoas que se acheguen ata este espazo de lecer en contacto coa natureza. A entrada será gratuíta e haberá que seguir o protocolo sanitario de seguridade e distanciamento.
A música de banda será a protagonista da xornada do sábado 24 de xullo onde a Banda de Cerdedo ofrecerá un concerto, a partir das 20:30 horas, na Praza do Concello. A asistencia do público será totalmente gratuíta e a agrupación musical ofrecerá un amplio e variado repertorio con pezas característicos do momento para pasar unha xornada moi agradable.
Finalmente, o programa de actividades péchase o domingo 25 de xullo co pasarrúas por Cerdedo a cargo da charanga “Charandonga” que desde as 18 horas percorrerán as principais rúas e prazas da vila cerdedense transmitindo animación e bo humor facendo máis agradable o verán e dando ambiente festivo a estas celebracións.
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, lembra á veciñanza a necesidade de respectar as medidas sanitarias e os protocolos contra a Covid-19 facendo un chamamento á responsabilidade. “Queremos que a xente disfrute con sentidiño das festas e que non sexa incompatible un ambiente festivo coas medidas de seguridade e distanciamento que temos que manter en todo momento para que as nosas festas sexan un lugar de encontro e de participación veciñal seguro”, sinalou o rexedor.




