A directora de Turismo de Galicia e o presidente do Clúster Turismo de Galicia participaron no encontro telemático para resolver dúbidas sobre os requisitos que os hostaleiros teñen que cumprir no marco do Plan de Hostalería Segura
Máxima seguridade nos accesos aos establecementos; máximo seguimento e máximo control no cumprimento das normas vixentes. Así resumía esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, os piares sobre os que se asenta o Plan de Hostalería Segura que centrou o webinario celebrado coa hostalería galega e no que tamén participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
O encontro, no que participaron preto dun milleiro de hostaleiros, estivo orientado a resolver dúbidas sobre o funcionamento do espazo web para os profesionais turístico, o Turespazo, e sobre os requisitos que os propietarios dos establecementos turísticos teñen que cumprir no marco do Plan de Hostelería Segura no que se refire a información, capacidade, rastrexabilidade e inspección.
A través de Turespazo os propietarios dos establecementos turísticos deben descargar os carteis que están obrigados a colocar nun lugar visible do acceso ao establecemento a partir deste venres. Neles deberá constar a capacidade máxima do local, a porcentaxe de uso e a capacidade máxima permitida en función das normativas sanitarias vixentes, tanto no que atinxe ao interior coma no exterior do local.
Escaneo do QR a través da PassCovid
Nesta mesma web cada propietario tamén xerará o código QR do seu establecemento, que calquera usuario poderá escanear a través da aplicación PassCovid, rexistrando así a súa visita ao establecemento, de maneira opcional, pero colaborando con esta acción na rastrexabilidade dos posibles gromos que se poidan producir.
Ademais no espazo https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura os hostaleiros poderán atopar guías para resolver problemas de acceso ao Turespazo ou para a declaración responsable de aforo e trazabilidade.
A directora de Turismo de Galicia aproveitou este encontro co colectivo para poñer en valor o esforzo que está a facer o sector na pandemia. “Sabemos que precisades do apoio das administracións públicas, de todas elas”, destacou Nava Castro, quen fixo fincapé en que o Goberno galego non se puxo de perfil nesta crise. “Aprobamos medidas de apoio desde o comezo, a través dos diferentes plans de reactivación e de rescate”.
Neste sentido, a responsable de Turismo de Galicia lembrou que a Xunta está a tramitar con axilidade as máis de 32.000 solicitudes recibidas no marco do II Plan de Rescate e aproveitou para lembrarlles aos hostaleiros a compatibilidade das axudas aprobadas dentro do primeiro e do segundo Plan de Rescate, no marco dos cales aprobáronse liñas específicas de apoio á hostalería dotadas cun total de 24 millóns de euros.




