• A proposta de adxudicación aprobouse onte por unanimidade en sesión plenaria ordinaria.
· Estímase que con esta actuación aforraranse anualmente 65.000 euros.
O Concello de Cariño celebrou onte un pleno ordinario no que, por unanimidade, aprobou a adxudicación do contrato para renovar a tecnoloxía LED toda a iluminación pública do municipio por un importe de 730.000 euros. A actuación supón un ambicioso proxecto de mellora da iluminación pública no municipio: modernizarase o sistema, cambiaranse os puntos de luz e lograrase un significativo aforro.
A través deste proxecto cambiaranse a LED 1.546 luminarias e 23 cadros de mando. A renovación dos cadros por outros máis modernos que contan con sistemas de control remoto permitirá acender, apagar ou regular a intensidade de cada unha das luminarias en calquera momento e sen ter que acceder fisicamente ao sistema, simplemente a través dun teléfono móbil.
Para financiar estes traballos o Concello recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía ( IDAE). A través dos fondos FEDER da Unión Europea achegará 642.256’97 euros, e o importe restante será achegados desde as arcas municipais.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou que así “se completará a renovación da iluminación pública no municipio, un plan que xa iniciamos a través doutras actuacións como a renovación de luminarias en Feás, Figueiroa e Sismundi” e subliñou que “o aforro que conleva permitirá amortizar en 3 anos o achegado polas arcas municipais. A partir de aí, cada exercicio haberá un aforro importante con respecto á situación actual que permitirá investir ese diñeiro en máis servizos para os veciños”.
Eficiencia enerxética e aforro
O Concello quere modernizar o sistema promovendo a eficiencia enerxética e o aforro. As novas luminarias e a modernización dos cadros de mando permitirán reducir o consumo eléctrico, conseguir unha maior durabilidade da instalación, baixar a emisión de CO2 á atmosfera en 180 TN por ano e responder dunha forma máis rápida e eficaz #ante calquera incidencia.
O aforro económico será cuantioso, xa que dos aproximadamente 100.000 euros que se gastan agora anualmente na iluminación pública estímase que se aforrarán 65.000 euros, pasando así a gastar un total de 35.000 euros ao ano. Isto é así porque, debido ás características do LED, ao baixar a potencia das lámpadas pódese optar a potencias contratadas menores.
En canto ao consumo, pasarase de gastar 678.00 KW/ h a 326.000 KW/ h coa nova instalación. Por tanto, reducirase preto dun 50% o consumo e ademais gañarase en visibilidade debido á maior potencia lumínica das lámpadas tipo LED.
Aposta pola eficiencia enerxética
Alonso Pumar lembrou que “desde o ano 2016 no goberno local emprendemos unha aposta decidida pola eficiencia enerxética con diferentes actuacións que teñen o seu último episodio con este proxecto e que demostran que desde unha vila como Cariño pódese ser pioneiros no cumprimento dos protocolos ambientais europeos”.
Desde o 2016 o Concello de Cariño actuou nas principais infraestruturas do municipio, renovando tanto a iluminación como o equipamento enerxético. Na piscina municipal se substituyó por LED a iluminación e cambiáronse as caldeiras de gas por outras de pellets, unha enerxía renovable e limpa que permite que a temperatura da auga sexa máis estable e que permitiu baixar o consumo de 42.000 euros a 21.000 euros. O campo de fútbol municipal converteuse no primeiro da provincia en contar con tecnoloxía LED. Ademais, no pavillón e no mercado cambiáronse as pantallas de sodio e na Estación de Tratamento de Auga Potable mellorouse o sistema de distribución eléctrico dos motores para conseguir un menor consumo e unha maior durabilidade.
Doutra banda, pero co mesmo obxectivo, o Concello de Cariño pretende que todas as parroquias conten con roteiros peonís sinalizados. Polo momento xa se creou en Figueora e estanse buscando fondos para desenvolver outras.




