A exposición, que permanecerá no Obelisco até o 22 de marzo, pretende servirlles de exemplo ás nenas de que as mulleres poden ter éxito nos campos científicos e animalas a estudar carreiras tradicionalmente reservadas aos homes
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, inaugurou esta mañá no Obelisco a mostra “Mulleres no ámbito das CTEM” no marco do programa conmemorativo do 8M de 2021 baixo o lema “Mulleres sen límites, a por todas”. A mostra, que poderá contemplarse até o 22 de marzo, pretende situar o foco na presenza das mulleres en postos de traballo nos campos das ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas.
Neira destacou que nos últimos 5 anos a porcentaxe de mulleres matriculadas en Galicia no
ámbito de enxeñerías e arquitectura foi do 27% e foi moi superior en ámbitos como as
ciencias sociais ou da saúde. Por iso, cre que sería interesante profundar nos motivos
desta orientación e para iso é necesario proporcionarlles ás mozas e mozos a maior
información sobre as diferentes ramas así como contribuír a que as mozas poidan visibilizar
referentes femininos nas titulacións en que están infrarrepresentadas, referentes que
rompan cos estereotipos.
“Coa mostra queremos pór o foco en que a igualdade de xénero no traballo está lonxe de
conseguirse. O Obxectivo é contribuír a mellorar a percepción entre as nenas de que as
mulleres poden ter éxito nestes campos que tradicionalmente están dominados polos
homes e conseguir que se inclinen por estes estudos”, sinalou a concelleira.
A exposición profunda na visibilización das mulleres e as súas contribucións nos campos de
ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas. Neste senso, a concelleira sinalou que na
exposición se mostran as experiencias de 6 mulleres que traballan no campo das ciencias e
que son mulleres coma calquera outra, “co que se intenta ensinarlles ás nenas e
adolescentes que non hai ningún impedimento real en ser muller e ter éxito nestas
profesións”.
A exposición, ademais das biografías destas 6 mulleres, conta con textos e reflexións da
profesora da UDC do Departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da Oficina
para a Igualdade de Xénero, María José Abad López. Ademais, de entre estas 7 mulleres 5
foron as seleccionadas para participar noutra das actividades do programa do 8 M de 2021,
“Conversas con mulleres CTEM”:
Laia Subirats Matei. Enxeñeira de telecomunicacións e doutora en Informática, ademais de
investigadora en Eurecat. En 2018 foi seleccionada como unha das mulleres máis influentes
en España dentro da categoría de pensadoras e expertas.
Tamara Pazos Cordal. Bióloga e divulgadora científica en IG na conta @putamen_t.
Elena García Armada. Enxeñeira industrial. Lidera o grupo do CSIC que desenvolveu o
primeiro exoesqueleto biónico do mundo para nenas/os con atrofia muscular espiñal. É
unha referente mundial.
María Jesús Taboada Iglesias. Profesora doutora na USC na Área de Ciencias da
Computación e a Intelixencia Artificial.
Rosana Rodríguez López. Profesora doutora en Matemáticas pola USC. Vicedecana da
Facultade de Matemáticas.
Sara Álvarez. Graduada en Psicoloxía e especialista en Neurociencia e Intelixencia
Artificial.




