O Concello pretende enriquecer a programación para nenas e nenos con esta iniciativa, que terá como epicentro a cúpula de Eirís mais que visitará todos os barrios polas mañás coa actividade “Animaclowns y sus mascotas”
O primeiro Festival Infantil comeza hoxe cunha serie de pasacalles que animarán até final de mes a cidade e con espectáculos que terán lugar en Eirís baixo o título “Na cúpula ás oito”. Con esta iniciativa, a Concellería de Cultura pretende achegar a maxia da escena a todos os barrios e que as nenas e nenos teñan experiencias desde ben novas/os co teatro, o clown e a interpretación en xeral. Para o Goberno de Inés Rey, a rapazada é sempre unha prioridade á hora de deseñar novas actividades de lecer e, neste caso, “o Festival aspira a que a cativada o pase ben, pero que tamén aprenda valores, sobre todo, despois da actitude exemplar que tiveron durante a pandemia”.
En concreto, a cita iniciouse con “Animaclowns y sus mascotas”, de Duende Sico, nun primeiro percorrido esta mañá de 11.00 a 14.00 horas que foi desde A Torre á avenida da Mariña e que incluíu a praza dos Avós, Campo de Marte, Campo da Leña, Atocha, mercado de San Agustín, María Pita e xardíns de Méndez Núñez.
Esta posta en escena repetirase mañá por Santa Margarida e a praza de Pontevedra e tamén o domingo, en que está previsto que a actividade chegue ao Castrillón e ao Paseo Marítimo como antesala ao espectáculo de Pakolas “Ramona Órbita”, na cúpula do Parque de Eirís. A agrupación estará ás 20.00 horas con “A dona do tempo”. O programa continuará o día 20, con máis pasacalles en Elviña e a montaxe “Feo”, de Caramuxo, ás 20.00 horas, en Eirís. Nota de Prensa
A xornada do martes estará protagonizada por máis sesións de “Animaclowns y sus mascotas” no Parque Europa e por Martín Camiña e Fani Triana coa obra “Asombros a dúo”, en Eirís. Nos seguintes días, haberá pasacalles na rúa Barcelona e na praza das Conchiñas (22), Os Rosales (23), Novo Mesoiro (24) e Riazor (25) de 11.00 a 14.00 horas, e na cúpula, Pérez & Fernández representará o día 22 a peza “Picnic”. O Mago Román virá o día 23 con “Labirinto de ilusións” e A trastenda dos contos estará o 24 con “Unha noite no muíño” para pasar o 25 a Danthea Teatro, que ofrecerá “Cincenta”.
O Festival Infantil continuará na última semana de xullo con máis pasacalles de 11.00 a 14.00 horas en Labañou (26), Matogrande (27) e Vioño (28). En Eirís, Os contos de Pablísimo visitarán a cúpula o 26 con “O paroleiro” e Os Náufragos Teatro desembarcarán o 27 con “Onde viven os monstros”. O recinto estará valado co fin de controlar a capacidade e haberá un acceso de entrada e mais dous de saída, segundo marca a normativa e o protocolo COVID. Para asistir aos espectáculos, será necesario unha inscrición previa, en que se identificarán as/os espectadoras/es. A capacidade máxima será de 100 persoas por rigorosa orde de entrada e o formulario completarase unha hora antes de cada actuación.




