As sesións tiveron lugar hai uns días no CRA Nosa Señora do Faro; no CEIP Joaquín Rodríguez Otero e no CEIP Milladoiro, e continuarán durante as vindeiras semanas.
Os centros educativos de Malpica de Bergantiños recibiron a pasada semana as primeiras sesións encadradas no proxecto “Aprende a través del surfing”, que chega para ensinarlle á rapazada a mellorar as relacións entre sí, ademais de co medio ambiente, especialmente co mar.
As sesións tiveron lugar no CRA Nosa Señora do Faro; no CEIP Joaquín Rodríguez Otero e no CEIP Milladoiro, e continuarán nas vindeiras, nun proxecto que se estenderá ata as 5 semanas e onde o colofón serán as sesións prácticas nos areais malpicáns.
Nesta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Malpica, preténdese vencellar os valores propios do surf á educación regrada, como son a igualdade e a inclusión.
A idea primordial é inculcar a cultura deste deporte marítimo para abranguer situacións como o coñecemento das mareas ou familiarizarse ca contorna, espazos “que temos sempre de man pero que non sempre empregamos como deberiamos”, recalca David Blanco, responsable do proxecto.
Desenvólvese a través dunha plataforma virtual, primordialmente para rapazas e rapaces de infantil e primaria, durante 5 semanas, e a experiencia final será nas praias de Malpica.
“A nosa idea, á vez que promovemos a iniciativa, é que colla forza a idea da Reserva local de Surf”, di Blanco. “Malpica conta cun potencial moi grande e cunhas características moi especiais que fan as súas praias espazos moi singulares para a práctica deste deporte.”
A concelleira de Educación e Medio Ambiente, María Álvarez, destacou a importancia de “trasladarlle á rapazada valores propios do deporte, de xeito máis particular do surf, xa que existen moitas modalidades pero hai un elemento común: o mar, e diso sabemos moito en Malpica.”




