O Goberno tamén aprobou hoxe un investimento dun millón de euros de achegas da Liña 1 para Arbo, A Cañiza, Nigrán, Cerdedo-Cotobade, O Porriño e Vilaboa
A Deputación de Pontevedra está a piques de pechar a concesión de achegas correspondentes á Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2021, que xa favoreceu en só dous meses a contratación de 872 persoas en 55 concellos da provincia, cun investimento de preto de 9 millóns de euros. Na súa firme aposta por seguir dotando de recursos aos municipios neste momento de pandemia, a Xunta de Goberno aprobou hoxe novas axudas desta liña para os municipios de Barro, O Grove e Campo Lameiro, que poderán contratar respectivamente a 10, 27 e 9 traballadores/as, cun orzamento total de 451.676 euros.
Nesta nova relación a meirande parte dos postos ofertados son para peóns/as de obra pública e forestais, aínda que tamén hai postos de monitor/a deportivo-socorrista, auxiliar administrativo, condutor/a ou auxiliar cultural, entre outros. Hai que lembrar que esta liña de Emprego do Plan Concellos está dotada cun orzamento total de 9,5 millóns de euros e está dirixida aos 59 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes.
Doutra banda, o Goberno tamén deu hoxe luz verde a outras achegas das Liñas 1 e 2 do Plan, que beneficiarán a unha vintena de concellos da provincia e que suman un investimento de 1,5 millóns. No primeiro caso, concedéronse sete achegas por un millón de euros para os concellos de Arbo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Porriño, Nigrán e Vilaboa.
O investimento de maior contía é para o concello do Porriño, que percibirá dúas achegas por importe total de 589.133€. A máis importante, por 473.500€, servirá para financiar as obras de humanización na rúa Manuel Rodríguez, no tramo de case 200 metros desde o cruce da rúa Xogo da Ola ata a praza de San Sebastián. Esta obra dá continuidade á outras anteriores de humanización na zona e ten como obxectivo potenciar a peonalización da rúa, convertendo a sección desta nunha plataforma única. Incluirá tamén a renovación de todos os servizos. A outra axuda, por importe de 115.632€, está destinada á ampliación da rede de saneamento deste concello en Arrotea.
Arbo recibirá 99.480 euros que lle permitirán sufragar parte da aportación municipal ao convenio coa Deputación para os traballos da mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas provinciais EP5202 e EP5203 no barrio do ferrocarril.
Doutra banda, A Cañiza terá unha achega de 104.119€ para cofinanciar os traballos de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público nas zonas da Rúa Álvaro Cunqueiro, travesía da Feira, rúa Augas Férreas e o Mercado. Trátase dunha actuación que ten un orzamento de 520.598€ e para a que o Concello recibiu unha achega de 416.478,79 euros do IDAE.
Cerdedo-Cotobade contará con 78.649 € para costear a reparación e mellora de parques infantís e instalacións biosaudables no concello, mentres que Nigrán percibirá 80.347€, cos que poderá costear as obras da nova rede de saneamento na rúa Mestra Emérita.
Finalmente Vilaboa recibirá 118.288€ para o financiamento das obras de pavimentación do Camiño Portugués a Santiago na zona de Santa Marta, na parroquia de Bértola, unha achega que supón o 100% do coste da obra. Con esta obra mellorarase o viario e incrementar a seguridade das persoas residentes amais das e dos peregrinos e peregrinas que fan a ruta xacobea.
No que se refire á Liña 2 do Plan Concellos destinada a amortizacións e gastos, así como para financiación de actividades culturais, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha nova relación de achegas para 15 concellos por importe de 458.358€. Son axudas para Baiona, Barro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, A Guarda, Moraña, Oia, Poio, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
As achegas son tanto para actividades festivas, como a Arribada de Baiona, a Feira do Viño do Rosal ou o Festival Internacional de Música Clasclás de Vilagarcía, como para financiar servizos dos concellos, entre eles os de limpeza viaria, limpeza de instalacións deportivas ou para sufragar actividades de promoción turística e dinamización do comercio local.




