HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación convértese en mecenas da Casa de Rosalía

A Deputación convértese en mecenas da Casa de Rosalía

- Anuncio -spot_img

A presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega visitaron hoxe a Casa da Matanza en Padrón

Preténdese incrementar a oferta cultural sobre a autora cara os concellos e centros de ensino da provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vai converterse en mecenas da Casa Rosalía. Así o anunciaron hoxe a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega nunha visita á Casa da Matanza en Padrón na que explicaron que o compromiso do organismo provincial busca impulsar a posta en valor de Rosalía e, en concreto, incrementar a oferta cultural sobre a autora cara os concellos e centros de ensino da provincia de Pontevedra.

A colaboración efectivizarase cunha achega económica de 10.000 euros anuais que se aprobará en Pleno neste mes de xullo. Busca promover e facilitar de maneira xeral a investigación sobre Rosalía como “poeta nacional da Galiza” e tamén aumentar a programación cultural, diversificando actividades e elaborando un programa variado e pedagóxico dirixido principalmente á xente moza da provincia de Pontevedra. Como un dos primeiros pasos, estase a traballar na organización de visitas á Casa-Museo, que a día de hoxe é un dos museos galegos máis visitados e referente nacional e internacional.

Segundo manifestou a deputada de Lingua María Ortega, a colaboración da Deputación coa Fundación Rosalía “era para nós unha obriga” posto que ambas entidades comparten a mesma visión sobre a autora: “É algo máis que unha escritora. É a figura máis representativa e carismática da literatura galega, referente xeración tras xeración, que se diferenza claramente das demais porque ningunha outra uniu ao seu redor tanto sentimento de pertenza a unha terra. Temos claro e coincidimos en que Rosalía debe seguir a ser a bandeira de Galiza”, subliñou.

Con esa premisa, dixo a nacionalista, o departamento de Lingua da Deputación apostou por dar un paso máis para poñer en valor a vixencia de Rosalía na provincia aprobando o mecenazgo. Este, insistiu, permitirá levar diferentes iniciativas aos concellos da provincia da man da Fundación, “non só celebrando cada 24 de febreiro, senón 365 días, dándolle máis traxectoria e artellando máis actividades sobre a súa figura ao longo do ano”.

A escritora galega máis universal
Tamén a presidenta da Deputación, Carmela Silva, valorou de forma moi positiva “a colaboración coa Fundación que traballa para poñer en valor a escritora galega máis universal”. Aproveitou a visita para enxalzar a figura da autora, “unha muller adiantada ao seu tempo, valente, feminista, que en pleno século XIX reivindicaba con énfase a súa liberdade e que escribiu en galego sobre as e os galegas/os, cun talento natural para retratar as características que nos fan únicas e únicos e nos definen e identifican como pobo”.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, agradeceu o compromiso da Deputación dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, dixo. Indicou que a nova crise da Covid supuxo un duro revés, mais sinalou que “grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, que é unha fundación privada sen ánimo de lucro creada en 1947 (daquela era o Patronato Rosalía) por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. E foi grazas á colaboración económica de familias, empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración que se conseguiu abrir as portas na Matanza como Casa-Museo en 1972.

Publicacións Relacionadas