HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación de Pontevedra apaga as súas luces este sábado pola “Hora...

A Deputación de Pontevedra apaga as súas luces este sábado pola “Hora do Planeta”

- Anuncio -spot_img

A institución provincial súmase un ano máis á iniciativa da organización WWF para concienciar sobre a importancia da defensa do medio ambiente

A Deputación de Pontevedra apagará este sábado 22 de marzo todas as luces do Pazo Provincial, do Edificio Administrativo, o Museo de Pontevedra, o Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas), os castelos de Soutomaior e Sobroso e da súa sede de Vigo entre as 20:30 a 21:30 horas con motivo da “Hora do Planeta”. A iniciativa da organización WWF este ano ten como lema “Apaga a luz. Defende o Planeta” e pon o foco no feito de que o ano 2024 foi o máis cálido desde a Revolución Industrial, superando en máis de 1,5 graos a temperatura media da Terra e, polo tanto, o límite establecido no Acordo de París que marca o punto no que os impactos serán irreversibles.

A “Hora do Planeta” é unha campaña para que entidades, cidadáns e empresas de todo o mundo apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio ambiente. Naceu en Sidney en 2007 e chegou ata 200 países. En España adoitan sumarse a esta iniciativa, todos os anos, máis de trescentas entidades locais e un centenar de empresas.

Máis alá do xesto de apagar as luces durante sesenta minutos, a “Hora do Planeta” é unha das iniciativas medioambientais de maior alcance do mundo. No marco da campaña, a WWF convida ao aforro enerxético e á produción con fontes renovables. A Deputación de Pontevedra é unha habitual colaboradora con esta iniciativa, sumando este ano novas instalacións respecto a anos anteriores. No caso dos castelos de Soutomaior e de Sobroso e da sede de Vigo, o apagón producirase durante toda a noite do sábado.

Publicacións Relacionadas