HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina máis de 130.000 euros para que 103 entidades sociais...

A Deputación destina máis de 130.000 euros para que 103 entidades sociais de Vigo e o sur da provincia poidan realizar actividades culturais

- Anuncio -spot_img

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os preto de 600 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de máis de 130.000 euros para que 103 entidades ou asociacións sen ánimo de lucro de 19 concellos de Vigo e o sur da provincia poidan realizar actividades culturais. En total, as axudas oscilan entre os preto de 600 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia. “Seguimos, desta maneira, apoiando a cultura e ao sector cultural da provincia. Estamos ao seu carón para que poidan poñer en marcha iniciativas que cheguen a todos os habitantes da provincia –explicou o presidente provincial, Luis López-. Porque o acceso á cultura debe ser universal, e queremos contribuír a iso”.

En concreto, trátanse de dúas liñas de subvencións, dotadas cun total de 290.000 euros que chegarán a 228 entidades de 45 concellos. A primeira, para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades centradas na pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, conta cun orzamento de 250.000 € e dela beneficiaranse 188 entidades da provincia. A segunda liña, dotada de 40.000 euros, chega a 40 asociacións para que poidan participar en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da provincia pero que se celebren fóra de Galicia.

En Vigo e no sur da provincia 83 asociacións de 18 concellos recibirán achegas da primeira das liñas por un total de 108.000 €. Serán unha asociación da Guarda, que contará con 1.191 €; dúas de Arbo, cun total de 4.060 €; dúas das Neves, con 2.525 €; unha de Baiona, con 1.418 €; unha de Covelo, con 851 €; unha de Fornelos de Montes, con 907 €; dúas de Gondomar, con 4.057 €; catro de Mondariz, con 3.830 €; dúas de Mos, con 3.177 €; unha de Nigrán, con 2.496 €, dúas do Rosal, con 3.149 €; dúas de Oia, con 2.950 €; cinco de Ponteareas, con 4.023 €; tres de Redondela, con 3.489 €; dúas de Salceda de Caselas, con 1.759 €; tres de Tomiño, con 2.477 €, tres de Tui, con 5.450 €, e 46 de Vigo, cun total de 60.211 €.

Pola súa banda, no caso da liña 2, son 21 asociacións de oito concellos os que contarán cun total de 25.500 € en axudas provinciais para actividades culturais. Trátanse dunha entidade da Guarda, que recibirá 1.779 €; outra de Arbo, 861 €; dúas de Baiona, 2.277 €; unha de Mos, 861 €; dúas de Redondela, 2.622 €; unha de Salceda de Caselas 1.684 €; unha de Tui, 2.584 €, e 12 de Vigo, 12.871 €.

Publicacións Relacionadas