Con estes premios ambas institucións pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras
Outorgaranse dous premios de 1.000 euros aos mellores artigos en galego e castelán sobre o encontro “As mulleres que opinan son perigosas” que rematou este sábado no Teatro Principal
A Deputación e o Concello de Pontevedra abren este luns o prazo para presentar artigos aos premios #Mulleres QueOpinan, uns galardóns cos que ambas institucións pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordaron no encontro “As mulleres que opinan son perigosas”, que rematou este sábado no Teatro Principal de Pontevedra.
Poderán presentarse aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema tratado no congreso, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro.
Os artigos presentados, que deben ser orixinais, deben contar cun titular e corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios que traballan. As bases están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, pecharase o 8 de abril.




