HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación enche a provincia de lecer cun amplo abano de actividades...

A Deputación enche a provincia de lecer cun amplo abano de actividades culturais e deportivas

- Anuncio -spot_img

Durante a fin de semana ata 17 concellos da provincia acollerán concertos, espectáculos, competicións deportivas, rutas e andainas, amais da estrea dos #RíasBaixasFest

A Deputación de Pontevedra continúa desde este xoves a súa programación para “aviventar” a cultura e ofrece desde hoxe e durante toda a fin de semana unha ampla proposta cultural e deportiva por toda a xeografía da provincia. Os programas “Música no Ar”, “Musigal”, “Tras as Ameas”, “Bosques Terapéuticos”, “DepoAndainas” e “Verán deportivo”, amais da estrea dos Rías Baixas Fest en Nigrán e Vilagarcía, achegarán durante catro días un total de 20 actuacións musicais, 1 espectáculo de maxia, 3 rutas polos bosques, 1 andaina e 2 competicións deportivas. Por outra banda, a Deputación estará tamén presente cun stand na Feira do Libro de Ponteareas, na que participarán máis de 24 autores e autoras.

No terreo musical chegan os Rías Baixas Fest coa estrea de “Vive Nigrán” (ata o sábado), con 8 concertos e recoñecidos/as artistas como Sidecars, Locoplaya ou Shineva, e o Atlantic Fest en Vilagarcía (ata o 24 de xullo) con León Benavente Depedro ou Sidonie, entre outros. Amais, “Música no Ar” chega este venres a Tui coa actuación de Ana Belén Rodríguez Trío (con Ana Belén ao piano, Noelia Álvarez á voz e Kiri Cabaleiro á gaita, frauta e percusión) e o sábado a Pontecesures, con Vertixe Sonora interpretando No solpor e despois. “Musigal” ofrece tamén unha interesante oferta musical este sábado cos concertos de Guadi Galego en Salceda de Caselas, Herdeiros da Crus en Bueu e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Meaño e o domingo en Valga con Roi Casal.

Pola súa banda, “Tras as Ameas” encherá de maxia esta tarde, ás 19.00 horas, o Castelo de Soutomaior co espectáculo “O castelo máxico”, do ilusionista pontevedrés Pedro Vuelta. Este show, para o que xa se esgotaron as entradas, sorprenderá ás familias con ilusións ópticas e unha función de maxia ao atardecer nas que castelo e xardíns gozarán de gran protagonismo.

A Deputación de Pontevedra estará presente de igual maneira na cuarta e última Feira do Libro da provincia, que terá lugar ata o 18 de xullo na Praza Maior de Ponteareas. Esta cita, cuxa apertura se desenvolverá esta tarde, contará coa participación de 24 autores/as para a presentación e sinatura de libros. A institución provincial terá presenza física cun stand no que estarán expostos (mais non á venda) os títulos “Tes 5 minutos #1”, “María Vinyals. A muller do provir”, “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” e “O Castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias” e se dará a coñecer de xeito audiovisual a programación que está a desenvolver ao longo de todo o ano no campo da cultura.

Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de 5 actividades. O domingo 18 será a quenda da primeira das “DepoAndainas 2021”, que transcorrerá pola Vía Verde que une os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía. Será unha ruta circular de dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia. Polo seu lado, “Bosques Terapéuticos” ofrece tres novas experiencias. A primeira terá lugar este venres en Vigo pola ruta Arco da Vella en Bembrive, a segunda o sábado en Meis coa Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro de 1,4 quilómetros no que se visitarán máis de 30 muíños; e xa o domingo o Bosque da Picaraña, en Ponteareas, unha ruta dun quilómetro na que se visitarán máis de 20 penedos. Finalmente, dentro do “Verán Deportivo” patrocinado pola Deputación, disputaranse en Sanxenxo a competición de tenis praia o sábado e a de futvolei o domingo.

Publicacións Relacionadas