O catedrático impartirá a súa master class no seminario ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso’ para analizar como aplicar a súa filosofía á provincia de Pontevedra
A preinscrición na ‘Facultade’, aberta hai apenas catro días, acumula xa unhas 90 persoas anotadas
A Deputación de Pontevedra vén de confirmar ao urbanista, asesor da alcaldesa de París Anne Hidalgo e teórico da ‘Cidade dos 15 minutos’, Carlos Moreno, como un dos profesores/relatores da Facultade Ágora, a iniciativa que pretende formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como tratar o espazo público para recuperalo para as persoas.
Moreno é o director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da Sorbona e un dos maiores expertos en “cidades intelixentes”. Coñecido mundialmente como experto do concepto “cidades vivas” e o máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”, é un orador que favorece a creación de unións entre actores nacionais e internacionais institucionais, públicos e privados
que destaca que se está a vivir unha verdadeira “revolución da cultura urbana” . Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio ambiente sobre todo nestes momentos de pandemia.
Como membro do cadro docente, Moreno participará no segundo seminario da Facultade titulado ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso’, no que se pretende facer unha reflexión e análise sobre a filosofía de Moreno e como se pode adaptar nun territorio disperso como é o da provincia de Pontevedra. Abordaranse tamén asuntos como a proximidade, a densidade ou a diversidade de usos e das fórmulas que poida ofrecer a planificación ou a lexislación para favorecer o aumento das densidades e lograr conter a dispersión.
Segundo subliña o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, que a Facultade Ágora conte con relatores de gran nivel como Moreno confirma que “é unha das iniciativas dentro do ámbito da formación sobre o espazo público máis ambiciosas e diferentes a nivel internacional”. Insistie en que a Facultade ten un carácter multidisciplinar que pretende achegarse a unha visión do espazo público dende diferentes perspectivas, temáticas e visións “que fan que esa formación sexa sumamente enriquecedora e fortaleza todo o que nós, dende a Rede Ágora polo espazo público, sintetizamos nos principios Ágora que deben ser considerados á hora do tratamento”.
En total haberá máis de 40 profesionais do urbanismo, a enxeñería, a xeografía e outras moitas especialidades que avalan o programa pedagóxico, coordinado polo enxeñeiro Fernando Nebot e realizado co apoio técnico da Rede de Cidades que Camiñan, cuxa directora técnica, a arquitecta Ana Montalbán, encárgase dos aspectos organizativos.
Nos vindeiros días confirmaranse outras grandes figuras, mais algunhas das persoas xa confirmadas para o plantel docente son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’; María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.
Grande interese
A preinscrición para participar na ‘Facultade’ A Facultade Ágora estará aberta ata o 22 de marzo, cando comezará a matrícula. Hai que lembrar que o curso está aberto a calquera persoa interesada e que nestes momentos, apenas catro días despois do inicio, xa hai 90 persoas anotadas. Dado o grande interese suscitado, as 100 prazas previstas inicialmente foron ampliadas xa a 150.
No caso do persoal dos Concellos Ágora, haberá ata tres prazas reservadas con matrícula gratuíta, sendo indispensable que unha delas sexa ocupada por un ou unha responsable política do concello. O resto de solicitudes resolveranse por orde de inscrición ata esgotar a dispoñibilidade, con acceso preferente para as persoas ou entidades domiciliadas na provincia de Pontevedra.
O prezo da matrícula xeral é de 400 euros e da matrícula reducida de 300, podendo acceder a este desconto as persoas colexiadas no Colexio de Enxeñería (CICCP), Colexio de Enxeñería Técnica de Obras Públicas. Galicia (CITOP), Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG), e Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra (COAATPO).




