A mostra poderá visitarse na Casa das Letras da Estrada de luns a venres de 9:00 a 14:30 e de 16:00 a 21.30 horas
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o mércores 23 de outubro na Estrada a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”, na que recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia, tralo seu paso pola capital da provincia e por Salvaterra. A exposición pode visitarse na Casa das Letras da Estrada de luns a venres, de 9:00 a 14.30 horas e de 16:00 a 21.30 horas.
A mostra promovida pola Deputación busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.
Despois do seu paso pola Estrada, onde está a disposición da cidadanía e público interesado ata o mércores 23 de outubro, a exposición continuará o seu percorrido polos concellos da provincia con parada en Sanxenxo, onde se inaugurará o 25 de outubro, antes de rematar o ano na Sede de Vigo da Deputación.




