Paula Tilve impartirá a conferencia sobre a Piedade este xoves e sobre Javier Pintos falará Esteban Cortijo o venres. Ambas terán lugar no Edificio Castelao ás 19:30 horas
Museo de Pontevedra, 13 de marzo de 2024. A Deputación de Pontevedra organiza no Museo de Pontevedra dúas conferencias sobre a iconografía da Virxe da Piedade e a relación do pontevedrés Javier Pintos Fonseca coa teosofía. O xoves 14 de marzo, ás 19:30 h no Edificio Castelao, terá lugar a segunda cita co ciclo sobre a Semana Santa da man de Paula Tilve, que falará de ‘A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra’. O venres 15 de marzo, ás 19:30 h no mesmo Edificio Castelao, Esteban Cortijo Paralejo impartirá a conferencia ‘Música e teosofía: Javier Pintos Fonseca e Mario Rosso de Luna’.
A conferencia do xoves versará sobre a representación da piedade de María, un dos temas esenciais do culto mariano na Igrexa católica. Paula Tilve, responsable da área de Públicos do Museo de Pontevedra explicará como esta imaxe está moi presente desde a Contrarreforma nos pasos procesionais da Semana Santa. Tamén realizará un paseo pola evolución desta advocación desde as súas orixes ata a actualidade, co influxo que segue a ter sobre artistas do noso tempo coma fonte de inspiración.
Para este percorrido artístico, Paula Tilve seleccionará obras de grande interese histórico-artístico da colección do Museo, como por exemplo as obras de artistas galegos como Gregorio Ferro, Juan Luis López ou Castelao.
Música e teosofía
A conferencia do venres 15 pretende poñer de relevo o papel que tiveron Javier Pintos e Mario Roso de Luna na constitución en 1913 do Grupo Marco Aurelio de Pontevedra, e as vinculacións con outros galegos interesados en buscar respostas na filosofía, a música e o estudo dos textos relacionados coa Sociedade Teosófica, xa coñecida daquela en España, pero pouco estendida.
O cacereño Esteban Cortijo, doutor en Filosofía e catedrático desde 1983, falará da correspondencia entre Pintos e Roso, e tamén doutras cartas pertencentes a outros membros do mesmo grupo, como Francisco Regalado, Luis Gorostola, José Viaño Martínez, Jacobo San Martín Lozano, Manuel R. Solano e Benigno López Sanmartín, que contaban tamén co apoio doutros intelectuais como Rodríguez Aldao ou Vicente Risco.




