HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación presenta o proxecto "Ágora" na oficina de estratexia de mobilidade...

A Deputación presenta o proxecto “Ágora” na oficina de estratexia de mobilidade en Madrid

- Anuncio -spot_img

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez reuniuse hoxe coa directora Ángeles Marín no obxectivo de acadar fondos europeos

Entrevistarase mañá con representantes da DXT para iniciar liñas de traballo conxunto

O proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público segue a súa ‘xira’ de presentacións ante autoridades estatais. Despois da grande receptividade e sintonía amosada hai varios meses pola Dirección xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Mobilidade -que incluso apadriñou o proxecto da Facultade Ágora-, o deputado Uxío Benítez entrevistouse hoxe en Madrid coa directora da Oficina da Estratexia de Mobilidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), Ángeles Marín.

O encontro, precedido de outras reunións no día de onte, tiña como obxectivo estudar a posibilidade de que ‘Ágora’ obteña financiamento de fondos europeos, ben coas partidas do Next Generation habilitadas tras a pandemia ou ben dos Fondos de Cooperación. Neste sentido, dende o Ministerio plantexaron a posibilidade de incluír o proxecto nalgunhas das iniciativas abertas pola UE e tamén a súa presentación a candidaturas e premios nos que tería posibilidades de recoñecemento debido á súa singularidade.

Benítez lembrou que Ágora naceu coa finalidade de recuperar o espazo público nos concellos da provincia de maneira cuantificable en números e co obxectivo de reverter a tendencia actual de ‘invasión’ dos vehículos a motor de cara a 2023. Puxo sobre a mesa os ‘Principios Ágora’, resaltando que o espazo público é un dereito da cidadanía, que as persoas teñen que ser as primeiras beneficiarias, que hai que apostar pola mobilidade sustentable, inclusiva, a autonomía infantil, as mobilidades alternativas, os espazos seguros, un hábitat saudable e espazos amables e de calidade que propicien unha actividade económica de proximidade.

Dende a presentación pública de Ágora, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez está a dar a coñecer a iniciativa de primeira man ás e aos representantes do Ministerio e outras entidades estatais co fin de iniciar unha colaboración sostida entre administracións, sendo a receptividade atopada ata o de agora total.

Na xornada de mañá venres o nacionalista, acompañado do asesor de Mobilidade da Deputación, Jesús Fole, entrevistarase con diversos cargos da Dirección Xeral de Tráfico en Madrid.

Publicacións Relacionadas