Pontevedra acolleu hoxe a estrea da programación provincial das Letras Galegas, que se extenderá durante todo o ano
Nove mulleres no escenario, cinco músicas da Banda da Loba e catro poetas actuais galegas cos retratos de Xela Arias de fondo foron as artífices do acto celebrado hoxe pola Deputación para homenaxear á poeta á que este ano se lle adican as Letras Galegas. O espectáculo foi a estrea da programación provincial que se extenderá ao longo de todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego’.
No evento estiveron presentes, ademais da deputada de Lingua María Ortega como anfitriona, a deputada de Cultura Victoria Alonso, os deputados do PP Jorge Cubela e Elena Estévez, unha representación da familia de Xela Arias, Fina Casalderrey como representante da Real Academia Galega (RAG), Cesáreo Sánchez e Xesús Constenla en nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e outros integrantes de concellos da comarca.
Foi María Ortega a encargada de dar a benvida, que aproveitou para chamar á xente moza a falar o galego de maneira orgullosa como parte da súa identidade, e para salientar a forza e orixinalidade da obra de Xela Arias, sobre a que a Deputación continuará a programar eventos ao longo de todo o ano.
O espectáculo comezou cun vídeo da propia Xela Arias lendo un dos seus poemas, unha peza moi singular por ser o único documento audiovisual existente dela sobre a súa obra. Despois chegou a quenda da música e da poesía, que se foron alternando de maneira dinámica xirando arredor da obra da poeta.
Na parte da poesía, comisionada por Tamara Andrés, participaron en vivo Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Nuria Vil, e Estíbaliz Espinosa en intervencións performance que remexeron as conciencias do público coas súas referencias ás desigualdades sociais.
Na parte da Banda da Loba, os poemas musicados foron escollidos de entre os catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).
As propostas de musicalización que se escoitaron no repertorio foron variadas, dende a transformación dos poemas en cantigas respectando totalmente o texto orixinal da autora -como en Denuncia do equilibrio-, ata composicións dunha letra como a de ‘Tigres coma cabalos’, na que partiron de versos e estrofas tomadas deste poemario para engadirlles a propia achega literaria da banda tentando empregar os recursos fónicos, gramaticais e estilísticos propios de Xela Arias, até completar a letra do tema musical.
Do mesmo xeito, explicaron as integrantes da banda, noutras pezas optouse pola liberdade de xuntar algúns dos poemas da autora, como en ‘Darío a dario’, o poema do libro homónimo, no que colleron prestados para o retrouso algúns versos doutros dous textos; así como para ‘Hasme oír’, no que teñen cabida catro dos poemas de ‘Intempériome’, algúns tan breves como ‘Vencerse é cousa/ de se tratar’, versos que daban título ao espectáculo poético-musical que Xela estaba a preparar no outono de 2003.




