A presidenta da Organización de Diversidade Sensorial Xoga deu lectura na sesión plenaria do texto consensuado pola corporación para amosar o seu apoio “ás persoas xordocegas, ás súas familias e ás asociacións que traballan no seu apoio”
A Deputación de Pontevedra súmase ás conmemoracións ao redor da Semana e o Día Internacional da Xordocegueira, que se celebra este domingo 27 de xuño, promovidas pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), para amosar o apoio da institución “ás persoas xordocegas, ás súas familias e ás asociacións que traballan no seu apoio”. Na sesión plenaria celebrada hoxe, representantes do citado colectivo foron protagonistas na lectura da declaración institucional, aprobada de forma unánime por todos os grupos, para conmemorar esta xornada. Amais, desde a noite deste venres 25 ata a madrugada do luns 28 as fachadas do Pazo Provincial e da sede da institución en Vigo tinguiranse de verde en apoio a estas persoas e desenvolverase unha campaña nas redes sociais.
A lectura da declaración correu a cargo da presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, que agradeceu o “consenso” na corporación en apoio ás persoas xordocegas, “porque sen isto nós non poderiamos avanzar”. O texto institucional subliña que a Deputación de Pontevedra “é consciente de que a xordocegueira é unha diversidade funcional única con características e necesidades propias que consiste na perda conxunta de capacidade visual e auditiva”. “Trátase dunha condición específica –pronunciou Monterde- e non da suma de xordeira e cegueira. Tampouco se trata dunha enfermidade, senón dunha condición que marca, dun xeito moi significativo, a vida das persoas que a padecen”. No acto da lectura, que finalizou cun grande aplauso, tamén deron visibilidade a este colectivo a secretaria de Xoga, Josefa Carballo Pombo (persoa xordocega oralista), e a asociada do colectivo Lidia García Poceiro (persoa xordocega usuaria da lingua de signos). Como intérpretes da lingua de signos participaron Ana Belén Bargiela Rego e Laura Lema Martínez.
A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou a labor desenvolvida por Xoga “que está a xogar un papel fundamental para lograr que os dereitos destas persoas sexan unha realidade” e subliñou que “é unha obriga das administracións públicas non soamente facer declaracións senón tamén tomar iniciativas para que as persoas xordocegas poidan participar con plenitude de dereitos”. “Creo que esta administración o fai, aínda que cada día temos que ir pensando novas accións para garantir que isto sexa así –indicou-. A sociedade aplaude o que é a busca de sinerxías, a busca de vontades que sumen”.
A Deputación tamén participará desde as súas canles na campaña en redes sociais que se levará a cabo desde o día 27 de xuño ao 4 de xullo, co lema #bastónbrancoevermello, en referencia ao bastón que identifica ás persoas que non poden ver nin oír.
Conmemoración
Como sinala a declaración institucional da Deputación, o 27 de xuño celébrase o aniversario do nacemento de Hellen Keller, unha das persoas con xordocegueira máis coñecidas da historia ao ser a primeira persoa con esta condición que logrou graduarse nunha universidade. No ano 1984 o entón presidente dos Estados Unidos proclamou a Semana de Concienciación Helen Keller sobre Xordocegueira e fixo un chamamento para que se realizasen durante esa semana actividades de visibilización. A partir de entón tódalas organizacións especializadas en xordocegueira aceptaron a data do 27 de xuño como Día Internacional da Xordocegueira e á súa semana como Semana internacional de Concienciación sobre a Xordocegueira.
A iniciativa da entidade social pontevedresa Xoga, coma membro afiliado da “Federación Española de Xordocegueira (Fesoce), serviu tamén para que o Congreso dos/as Deputados/as teña apoiado a declaración da semana do 27 de xuño como Semana de Concienciación sobre a Xordocegueira. Ademais, o Congreso fixo un chamamento ás Administracións, entidades públicas, organizacións, medios de comunicación e a toda a cidadanía para que participen esa semana en cerimonias e actividades de visibilización da xordocegueira.




