HomeDeputaciónsDeputación OurenseDeputación e Xunta constatan o axeitado ritmo das obras do Centro Galego...

Deputación e Xunta constatan o axeitado ritmo das obras do Centro Galego de Innovación da FP

- Anuncio -spot_img

Manuel Baltar afirmou que os avances nos traballos permitirán cumprir cos prazos para a apertura en 2021 dun espazo que facilitará “o liderado na xeración de emprego especializado, na creación de novas capacidades e maior competitividade para as empresas, o que sen dúbida impulsará o desenvolvemento económico e social de Ourense”.

Os representantes da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, que integran o comité de seguimento do futuro Centro Galego de Innovación da FP, constataron hoxe o axeitado ritmo de construción desta infraestrutura educativa de referencia, “avances que nos permitirán cumprir cos prazos que nos marcamos para a súa posta en marcha en 2021”. Así o afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, ao remate da reunión na que tamén participou o vicepresidente terceiro da institución, César Fernández, e que contou coa presenza por parte da Xunta do secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

Os asistentes avaliaron os traballos de adaptación da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, no que se están a investir preto de 10 millóns de euros compartidos ao 50 % pola Deputación e a Xunta, “para facer realidade neste espazo un proxecto estratéxico da institución provincial, chamado a ser o polo de referencia da Formación Profesional non só en Galicia, senón tamén no norte de Portugal, pois é a nosa meta potenciar a cooperación coa Eurorrexión nun aspecto tan importante como a innovación e a investigación na preparación e cualificación de profesionais en áreas de gran futuro”. Referiuse así aos seis ámbitos que se abordarán neste centro, como son a realidade virtual, a simulación de procesos, impresión 3D, industria 4.0, a industria enerxética e a biotecnoloxía, “que son os piares sobre os que se está a elaborar o decreto sobre a nova FP galega, que se publicará nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia, e sobre o que estamos absolutamente concienciados á hora de facer as nosas achegas”.

O futuro Centro Galego de Innovación da FP, engadiu Baltar, “pasará a formar parte dese polo de investigación polo que estamos apostando e que inclúe o Parque Tecnolóxico de Galicia e o edificio Provincia Intelixente, onde coa colaboración de Abanca creamos unha das concentracións de emprego tecnolóxico máis altas da península”. Un liderado, dixo, “na xeración de emprego especializado, na creación de novas capacidades e maior competitividade para as empresas, o que sen dúbida impulsará o desenvolvemento económico e social de Ourense”.

Publicacións Relacionadas