A ruta que estrea a sexta edición do programa realizarase o 18 de xullo
Ao longo do verán as DepoAndainas percorrerán tamén a ruta dos Muíños de Golfaríz, a senda do río Tea e a senda azul do Río Verdugo.
As primeira das Depoandainas da Deputación de Pontevedra xa ten esgotadas as 200 prazas que ofrecía para visitar a Vía Verde que transcorre entre os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía. A partir de agora, as persoas que se inscriban pasarán a formar parte da lista de agarda que a institución provincial está a elaborar e que empregará se algunha das persoas inscritas renuncia á súa praza.
Esta primeira ruta levará o 18 de xullo aos e ás participantes a percorrer un itinerario circular que sairá da Carballeira de Caldas de Reis ás 10.00 horas. Cunha dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia, a camiñada comezará percorrendo a senda peonil en dirección ao concello de Portas, lugar onde se inicia a Vía Verde que transcorre polas antigas vías do tren.
Nesta VI edición das Depoandainas a institución tamén ofrece outros tres percorridos, con 200 prazas cada un, cos que coñecer algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia. Continuarán o 1 de agosto pola ruta dos Muíños de Golfaríz, na Estrada, para seguir o 22 de agosto pola senda do río Tea, no concello de Mondariz. Xa no mes de setembro, as Depoandaninas chegarán a Ponte Caldelas ao realizar un itinerario pola senda azul do río Verdugo o día 12. Para poder realizar estas actividades será preciso inscribirse previamente en www.depo.gal unha vez se abran os prazos.
As Depoandainas son un programa gratuíto da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo, no marco do decidido compromiso da institución provincial co Medio Ambiente.




