A xornada de hoxe da Facultade Ágora da Deputación contou coa participación do asesor de mobilidade da alcaldesa de París, Carlos Moreno, quen animou aos concellos da provincia a apostar polas cidades amables de proximidade
A utilización dos fondos europeos ‘Next Generation’ de reconstrucción trala pandemia para que cidades e vilas poidan mudar o seu deseño e permitir unha mellor calidade de vida foi hoxe un dos eixos sobre os que xirou o debate na Facultade Ágora da Deputación. Os expertos Carlos Moreno, Isabela Velázquez e Rubén Camilo Lois, ademais de falar da necesidade de crear vilas con proximidade de servizos, reclamaron que o financiamento europeo chegue de maneira capilar e directa aos concellos máis pequenos -e non só ás grandes urbes e ás empresas- para que tamén as pequenas vilas poidan reconstruír os seus equipamentos e xerar “espazos de vida” nos que reactivar tanto a socialización como a economía.
O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez subliñou que hai unha grande preocupación na Deputación de Pontevedra porque os fondos europeos estean limitados a cidades de máis de 50.000 habitantes, o que deixaría fóra aos concellos pequenos –como os da provincia- nos que é fundamental actuar. “Con ese plantexamento exclúese o problema real, unha parte da realidade. Cando estamos en Madrid cumprimos cos 10.000 pasos que nos aconsellan ao día polas logas distancias que estamos obrigados a facer camiñando. Cando estamos nas nosas vilas movémonos maioritariamente no coche para todo, non chegamos aos 2.000 pasos. Aí, nas vilas, e non só onde hai moita xente, hai tamén un problema real. Non se poden limitar os fondos europeos ás grandes cidades”, expuxo.
Pola súa banda, a urbanista especializada en urbanismo ambiental Isabela Velázquez puxo tamén sobre a mesa que o grande reto é que as institucións –forzadas pola sociedade- sexan capaces de que as medidas e investimentos europeos estean vencelladas aos concellos e entidades locais para mellorar a rede de espazos públicos e equipamentos, que definiu como “absolutamente necesarios para a supervivencia da vida e para a mellora da calidade urbana e territorial”.
O xeógrafo Rubén Lois subliñou tamén que a inxección económica chegada de Europa “podería axudar moito e ser fundamental”, mais criticou que aínda a día de hoxe non se saiba como se van distribuír. “Os fondos europeos están ben intencionados. A transición verde é un obxectivo e, o tema do crecemento intelixente e inclusivo é outro obxectivo. Estou dacordo cos grandes eixos, logo, como se fan os repartos? Eu penso que debería haber moita máis e contar máis coas entidades locais, coas pequenas e medicanas empresas, cos concellos ou deputacións que saben investir mellor no territorio”, inisistiu.
Carlos Moreno: A cidade dos 15 minutos no territorio disperso
O seminario de hoxe da Facultade Ágora tiña como título ‘A Cidade dos 15 minutos no territorio disperso’ e estaba enmarcada dentro do módulo sobre ‘O bo urbanismo’. Contou coa participación como profesores do asesor de mobilidade da alcaldesa de París, Carlos Moreno; da arquitecta e especialista en urbanismo ambiental Isabela Velázquez; co xeógrafo Rubén Camilo Lois; e co planificador Valerio González Somoza, que foi o responsable de levar a un enfoque local e máis práctico a filosofía sobre a necesidade de crear vilas de proximidade dentro do territorio da provincia de Pontevedra. Á xornada formativa asistiron arredor de 200 persoas dos concellos da provincia e persoal técnico relacionado co deseño do espazo público.
Carlos Moreno quixo expresar a súa felicitación á Deputación de Pontevedra por organizar “esta excelente vía” da Facultade Ágora e subliñou a súa admiración e apoio polo ‘modelo Pontevedra’ que a entidade provincial está a exportar a outros lugares. “Pontevedra é exemplar, é parte de cidades inspirantes pola súa programática de cidades vivas e que dan prioridade aos humanos. Construíron un proxecto formidable, un exemplo internacional”.
Na súa charla o profesor Moreno presentou os traballos de investigación realizados na Universidade da Sorbona onde acuñou o concepto da ‘Cidade dos 15 minutos’ ou o ‘territorio de media hora’, que definiu como “a proximidade feliz”. Explicando esa idea destacou que é preciso darlle prioridade ao desenvolvemento durable das cidades e que iso precisa da converxencia de tres elementos: a ecoloxía, para respostar á ameaza do cambio climático; novos modelos económicos que cambien o modelo vida e aposten por distancias curtas entre o lugar de traballo e de vida; e o impacto social, xa que é precisa implicación da cidadanía.
“Eu aposto por cambiar o ritmo de vida urbano. Non se trata de ir máis rápido e lonxe con baixo carbono, senón preguntarnos porque temos que desprazarnos tanto, porque non temos servizos de proximidade. Hai que cuestionarse como cambiar a mobilidade reducíndoa. Así xurdiu o concepto da cidade de 15 minutos. Dixéronme que era unha utopía, pero a pandemia demostrou que non o era”, abondou Moreno.
O profesor subliñou que é preciso cambiar a maneira de vivir na cidade creando proximidades e facendo que seis función Sociais urbanas estean sempre preto: o traballo, a vivenda, o aprovisionamento, a saúde, a educación e a cultura e o ocio. “Se iso o temos preto a pé ou en bici a 15 minutos ou a 30 en zonas de baixa densidade estamos favorecendo contornas máis apacibles, de máis vinculo social e menos CO2, menos estrés… estamos creando un territorio policéntrico e unha cidade durable”, subliñou.
Isabela Velázquez: “Os espazos públicos dan vida á cidade”
A urbanista e consultora Isabela Velázquez cualificou de “iInteresantísima” a iniciativa da Deputación de Pontevedra da Facultade Ágora porque a sociedade enfróntase a un reto urxente e enorme que se está a traducir tanto en temas ecolóxicos, como económicos, como en temas de saúde. “A Facultade Ágora é un acicate claro para transformar a forma de plantexar o urbanismo e planificación de cidades e vilas no territorio”, o que permitirá tomar decisións cunha certa rapidez por parte dos gobernos locais.
“É fundamental que tanto o persoal técnico como político, os decisores, se aliñen co enorme reto da transformación ecolóxica e debatan e cheguen a conclusións sobre cales son as ferramentas que precisamos, cales son os procesos, como facelo, como facer que isto non se cinga aos centros valorados das cidades, senón que chegue a todo o territorio”, apuntou.
Para que o territorio disperso da provincia de Pontevedra poida mellorar o seu deseño, dixo,”non hai ferramentas máxicas”, polo que animou aos concellos da provincia a afrontar “un enorme reto”. “Hai moitas oportunidades de aplicar este concepto de cidade de proximidade, de cidade de múltiples actividades, de cidade amable para a xente que a vive, pero seguramente as medidas non son as mesmas que nas grandes urbes polo tanto hai que replantexarlas tanto nas zonas urbanas como nas zonas periurbanas como no territorio disperso como é o caso da provincia de Pontevedra”.
A urbanista subliñou que a valorización do espazo público para dedicarllo ás persoas viuse acelerada pola pandemia. Lembrou que cando as condicións de salubridade das zonas construídas eran menores o espazo público tiña moita máis importancia, e salientou que nos últimos tempos, coas comunicacións dixitais, despreciouse un pouco ese espazo público a pesares de considerar que “a rede de equipamentos e espazos públicos é o que dá vida a unha cidade”.
Rubén Lois. O enfoque metropolitano do territorio
O xeógrafo e profesor da USC Rubén Camilo Lois explicou na súa intervención na Facultade Ágora que a cidade clásica quedou superada para converterse nun espazo metropolitano que se desbordou nos seus límites. Indicou que a partir dese espazo metropolitano hai unha cidade compacta e periferias cada vez máis extensas que teñen implicación en todo e que cada vez hai que xestionar espazos máis grandes en relación coa mobilidade, que nas cidades se pode controlar –poñendo o exemplo de Pontevedra- pero non así nas periferias onde é máis complexa.
É por ese motivo, que a cidade pasou de ser núcleo compacto a un espazo disperso, que o profesor defendeu que debe haber institucións ou organismos que plantexen o planeamento urbano a escala metropolitana sobre todo nos usos do solo, os transportes, e a promoción económica. “Debería haber certa concertación entre os distintos concellos. Sempre fago a crítica de que só hai planificación a nivel municipal ou a nivel autonómico e queda toda a escala intermedia sen formular”, dixo.
Explicou que se chegou a esas circunstancias de dispersión porque se misturou “un deixar facer que cada un construía onde quería” cunha lóxica de crecemento a ultranza e de non excesivo control, unido ao automóbil privado, e a que o negocio da vivenda sempre foi o gran negocio no Estado español.
“Isto provocou unha situación complexa”, subliñou, para poñer sobre a mesa unha solución volvendo aos clásicos e lembrando a Otero Pedrayo, que a finais do século XX falaba de que Galiza debía ser unha cidade xardín, entendéndoo como xardín ben ordenado. Tamén lembrou a Antonio Palacios que intentou no 1925 facer un plan en Vigo tumbado os actores locais. “Quero recuperar estes modelos porque agora xa non falamos de modelos estritamente de crecemento. Falamos dun modelo de sustentabilidade, de como damos aguantado isto sen demasiados riscos. Agora temos un risco sanitario , pero pode ser un risco ambiental ou un colapso dos sistemas de transporte clásicos. Reordenemos en función deses novos parámetros”, instou.
Para Rubén Lois a vontade política e o acordo político serán fundamentais para mudar a situación actual, así como a formación e “que dende as academias de Arquitectura, de Urbanismo, lles poidamos transferir ao persoal técnico que se está a pensar, porque moitas veces están pegados a unha xerencia de urbanismo, a unha axencia de desenvolvemento local moi concreta, e é mellor flexibilizar todo isto e facer a transferencia de novas ideas para planificar con novos horizontes diferentes aos de hai uns ano”, subliñou.
Valerio González. Volver ás orixes
Valerio González, planificador estratéxico e autor de moitos dos Plans Urbanos de Mobilidade da provincia, avogou na súa intervención por poñer en valor a especificidade dos ámbitos “e agarrarnos á orixe do entramado de vías que articula o asentamento disperso en Pontevedra, facendo un cambio de discurso porque existe unha rede moi ampla e moi custosa de manter”. Animou a cambiar os paradigmas e sinalou que “a vontade política é fundamental tanto na transmisión do discurso como na concepción. Moitas cuestións son máis un cambio conceptual que físico”, subliñou, para animar a facer “máis camiños e menos pistas”.




