HomeDeputaciónsDeputación OurenseLoles León protagoniza “Unha noite con ela”, un percorrido persoal por 50...

Loles León protagoniza “Unha noite con ela”, un percorrido persoal por 50 anos da nosa historia

- Anuncio -spot_img

O Teatro Principal de Ourense acolle mañá a estrea nacional da obra

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá no Teatro Principal na presentación da obra “Unha noite con ela”, protagonizada por Loles León, acompañada de Briel González e Fran do Piñeiro. Escrito e dirixido por Juan Luís Iborra, esta montaxe estréase mañá no Teatro Principal. O argumento vira ao redor dun percorrido polo últimos cincuenta anos da nosa historia, que á vez é unha viaxe pola vida de Loles León, as súas vivencias, os seus momentos máis amargos e alegres, situacións tan diversas como absurdas. Recordos cheos de emoción que, a través da música de cabaret e musichall, trasladarannos a distintas épocas. Pero, como a propia Loles León di ao comezo da función: “Se non che gustan cousas da túa vida, quen dixo que non poidas cambialas para representalas nun escenario?”. “Unha noite con ela” contén un 80 % de realidade e un 20 % de ficción, pero ela xamais confesará que é verdade e que mentira. O espectador debe pescudalo”, afirma o director.

A compañía Pentación Espectáculos pon en escena esta obra da que Juan Luís Iborra destaca que, durante a hora e media, Loles, xunto a dous mozos bailaríns e actores e música en directo, “ispe a súa alma e dá renda solta á súa lingua mordaz. Ela cantará e bailará para que o espectador lembre esa noite con ela como algo inesquecible”, afirma, destacando que esta montaxe “naceu da amizade e a admiración que sinto por Loles, unha gran actriz dramática á que me unen trinta anos de amizade”. O director agradeceu á Deputación de Ourense “a súa aposta pola cultura nun momento tan delicado como o actual”.

O presidente do goberno provincial puxo en relevo a importancia que supón acoller unha estrea nacional no Teatro Principal de Ourense, “que foi e é, durante esta etapa tan dura que nos tocou vivir, o dinamizador cultural da cidade e da provincia”, augurando “un gran éxito a esta produción protagonizada por Loles León: unha homenaxe a unha carreira infestada de éxitos e de empatía co público, que tamén tivo a súa vinculación con Ourense na película Sempre Xonxa”.

Manuel Baltar subliñou tamén a figura de Juan Luís Iborra e a súa traxectoria en cinema, teatro e televisión. “Estamos #ante os grandes, que fan que este espectáculo con música en directo atope en Ourense –o seu punto de partida- o encaixe perfecto para ser todo un éxito e para deixar no público un recordo inesquecible”.

Pola súa banda, Loles León agradeceu a acollida que está a ter en Ourense, previa á estrea de mañá, e destacou que a representación prevé realizar unha xira durante dous anos, “tempo no que devolverei ao público todo o agarimo que me demostra día a día, cada vez que me permite entrar nas súas casas a través da televisión”. A actriz comentou que esta montaxe “toca unha parte moi importante da miña vida; son parcelitas que van directas ao corazón, con humor e entretemento”, todas elas cheas de emoción e sentimento.

A obra, da que hoxe se presentaron á prensa tres momentos con fragmentos musicais, recitados e cantados, con música de habaneras e cabaret, representarase mañá venres e o sábado, ás 21.00 horas no Teatro Principal de Ourense.

Publicacións Relacionadas