Gala benéfica XX aniversario Afapo
O presidente provincial e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, participan na homenaxe aos fundadores da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra celebrado durante a gala no auditorio de Afundación
“Compartimos o principio municipalista de levar aos concellos os nosos servizos e a nosa atención e compartimos esa filosofía de unir esforzos e colaborar coa nosa contorna para beneficiar á cidadanía”, sostén o presidente López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, subliñou a importancia que teñen colectivos sociais como a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra (Afapo) para mellorar a calidade de vida dos pacientes e dos seus achegados durante a celebración da gala benéfica polo vinte aniversario desta fundación que tivo lugar este venres no auditorio da Sede Afundación de Pontevedra. O mandatario provincial resaltou tamén a relevancia deste evento para poñer no foco unha “constante”, a da necesidade de prestarlles unha “atención de primeira”. Do mesmo xeito, López reafirmou o compromiso do goberno provincial co apoio ás actividades e programas de Afapo. “Tendemos pontes é o lema desta Deputación e non tería ningún tipo de sentido que nun extremo desas pontes non estivera Afapo e os seus usuarios”, afirmou o presidente.
Acompañado pola deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, o titular da Deputación explicou diante do público asistente a esta gala benéfica os numerosos puntos en con común que teñen o organismo provincial e a fundación Afapo. “Compartimos o principio municipalista de levar aos concellos da área de traballo os nosos servizos e a nosa atención e compartimos esa filosofía de unir esforzos e colaborar coa nosa contorna para beneficiar á cidadanía”, sinalou Luis López que ve na cooperación entre ambas entidades a “alianza perfecta para mellorar a calidade de vida dos pacientes, achegar os recursos da Deputación ás persoas vulnerables e promover a conciliación da vida persoal e laboral dos familiares dos pacientes e os seus coidadores”.
Esta gala benéfica, que foi conducida pola xornalista Belén Hermida e rematou co concerto do grupo Black Stones, serviu para render homenaxe aos fundadores de Afapo. Neste sentido, o presidente da Deputación quixo agradecer o labor que leva facendo este colectivo ao longo das dúas últimas décadas. “Quero expresar o máis grande agradecemento no meu nome e no da Deputación a todas as persoas que traballades cada día nesta asociación, dedicando boa parte do voso tempo e moitas veces de xeito altruísta, ao coidado dos demais; ás familias dos pacientes con estas doenzas polo amor e o respecto co que tratades a estas persoas e aos integrantes da directiva de Afapo, co seu presidente Jose Manuel Fontenla á fronte, pola súa dedicación, polas iniciativas formuladas e por exercer como esa ponte fundamental para facer que os recursos das Administracións Públicas como a Deputación cheguen, neste caso, ás persoas con Alzheimer e ás súas familias”, valorou o titular do goberno provincial.
Luis López rematou a súa intervención reafirmando o compromiso de colaboración con Afapo. “Estou convencido de que o bo entendemento e a vontade de cooperar tanto da Deputación de Pontevedra dará pronto novos froitos moi interesantes para o conxunto da provincia”, sinalou o presidente reiterando os parabéns e agradecemento por esta efeméride. “Un vinte aniversario que significa a conmemoración de dúas décadas de traballo dignos de admirar e a confirmación de que sodes un colectivo imprescindible. Estou convencido de que a este vinte aniversario lle seguirán outros, iso si, con novas esperanzadoras sobre esta doenza”, concluíu.




