A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este mércores en Vitruvia Café á presentación da segunda edición do ciclo de concertos de jazz e música clásica Musicav. Música con V de Vigo, promovido polo local e que se celebrará en novembro no Auditorio Teatro Afundación da cidade.
A vicepresidenta puxo en valor a forma na que o evento “contribúe a desenvolver a escena cultural desta cidade tan dinámica” dándolle un espazo aos afeccionados destes xéneros musicais, pero sendo ademais “unha oportunidade magnífica para atraer novos públicos e seguir espallando o gusto pola música entre toda a poboación da provincia”. Luisa Sánchez lembrou que “contribuír a que a nosa escena cultural esta nun bo estado de saúde é un obxectivo prioritario que desde o goberno da Deputación abordamos cun enfoque estratéxico”.




