HomeDeputaciónsDeputación PontevedraMosquera insta ao PP a que "se ENCE é tal Bicoca" ofreza...

Mosquera insta ao PP a que “se ENCE é tal Bicoca” ofreza os seus concellos para reubicala

- Anuncio -spot_img

O nacionalista exerceu de presidente no Pleno e, xunto López Font, criticou os “xiros” dos ‘populares’ lembrando que Feijóo defendía nos seus programas electorais de 2009 e 2012, en plena crise económica, que a pasteira saíse da ría

Se Ence é tal “bicoca”, que o PP ofreza os seus concellos para reubicala. Esa foi a petición que o vicepresidente César Mosquera, hoxe presidente do Pleno da Deputación pola ausencia de Carmela Silva, plantexou ao grupo provincial dos ‘populares’ no debate aberto sobre o futuro da pasteira, no que tamén fixo ver “ a oportunidade perdida” polo PP de condenar a ‘Enceborroka’ que sufriu tanto o Pazo Provincial como as e os representantes do Concello de Pontevedra.

O vicepresidente ironizou sobre os postos de traballo creados pola fábrica -“deben ser non 5.000 senón 500.000 postos”- e preguntouse como é posible que se Ence é “tan extraordianriamente bicoca”, os concellos da provincia que están perdendo poboación, parte deles do PP, non ofrecen unha alternativa que sería a solución para o problema. “Se Ence lles parece tan sumamente importante, ofrézanse vostedes. Teñen unha solución construtiva!”, instou o nacionalista.

Sobre a capacidade de traslado do complexo fabril, o nacionalista subliñou que a pesares de que a empresa di que non se pode, xa pechou e abriu plantas según conveniencia. “Claro que se pode trasladar! Outra cousa é que lle salga máis ou menos caro ou lle conveña ou non… Ou onde vai atopar un dominio marítimo terrestre e auga gratis ou que non se lle cobre o canon de saneamento. Pero é un problema de contas, exactamente, nada máis que de contas. Porque pon unhas condicións que non teñen a maioría das pasteiras do mundo”, subliñou.

Mosquera insistiu que a día de hoxe o PP está a repetir “o aparato propagandístico de Ence” co discurso dos postos de traballo e da crise económica. Pola contra, lembrou que entre o 2009 e 2012, “no medio dunha crise económica ben forte”, o PP de Galicia, Feijóo á cabeza, defendía que Ence tiña que marchar da ría nos seus programas electorais. “Había crise económica, polo que esa argumentación, obviamente, non vale”, matizou, engadindo despois que o PP está a meter “todo no saco como fai a empresa, porque vostedes van ao rabo, e creo que se están enganando. Algún día se saberá por que houbo ese cambio”.

O vicepresidente aproveitou as súas intervencións para destacar a ausencia dunha condena “ou referencia” por parte do PP aos feitos acontecidos na propia Deputación o día 11 de marzo, cando se produciu o peche no Pazo Provincial, e ás declaracións de ameazas explícitas de converter Pontevedra nun campo de batalla “da famosa ‘Enceborroka’ mandada polo señor Colmenares coa connivencia ou apoio expreso, segundo os casos, do PP”.

Pola súa banda, Carlos Font acusou ao PP de tentar utilizar á xente do sector do mar-industria, sen conseguilo, para defender a permanencia de Ence nos terreos públicos de Lourizán. “O texto desta moción non foi acordado nin falado coa xente do mar porque foi redactado coa clara intencionalidade de utilizala e mesturala con Ence, e todo porque o PP non se atreve a traer unha moción exclusivamente sobre Ence”. Neste senso destacou que concellos como Cambados, A Illa e O Grove xa aprobaron mocións consensuadas co sector dende xullo de 2020 e trasladaron as súas propostas ao Goberno. “Así que esta moción vai de Ence”, concluíu.

O voceiro do PSdeG-PSOEtamén sacou a relucir o programa electoral de Alberto Núñez Feijoo en 2009, “un programa que se chamaba Feijo09, como a película, e no que o actual presidente da Xunta comprometíase a “garantir que ou TRASLADO DE ENCE SE FAGA DENTRO DÁ COMARCA DE PONTEVEDRA (isto escrito con maiúsculas), para manter os empregos e a riqueza”. Font engadiu que en 2012 Feijoo repetiu promesa de sacar a fábrica de Lourizán ligándoa “coa saída ordenada de Elnosa”. “O PP mantén a súa aposta para que Ence abandone ou seu actual emprazamento, considerando irrenunciable a continuación dá súa actividade non contorno dá comarca de Pontevedra”, dicía o programa “popular”. “En que se parece o que dicían vostedes en 2009 e 2012 co que din agora?”, preguntou. “Cambian tanto de posición, que xa nin se lembran!”.

Font defendeu a “política seria”, que aborda os problemas en lugar de crealos, e así referiuse á recente entrevista entre a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera e o comité de empresa: “algo de rigor debe haber no Goberno de España cando o comité entende parte das argumentacións que lle deron”. O deputado concluíu que o PP só fai “ruído” e “bota leña ao lume” e concluíu que a vía correcta é a do diálogo e o entendemento, como está tratando de facer o Goberno de España para resolver un problema herdado do PP e como están tratando de facer os concellos de Cambados, A Illa e O Grove, da man do sector mar-industria, para clarexar todo o que atinxe á Lei de Cambio Climático.

Publicacións Relacionadas