O arquitecto participará na inauguración oficial do curso o 21 de abril cunha conferencia maxistral sobre ‘Axenda Urbana e espazo público’
A preinscrición pechouse con 208 persoas, máis da metade de ‘Concellos Ágora’, e con preto de medio cento de solicitudes de fóra de Galiza: “Todo un éxito de convocatoria”, di Uxío Benítez
O director xeral de Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, será o padriño oficial da ‘Facultade Ágora’ da Deputación. Así o confirmou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen destacou a sintonía do programa provincial cos eixos de actuación do departamento ministerial e a filosofía de Carnicero sobre o espazo público.
O aval do Ministerio efectivizarase no acto oficial de inauguración da ‘Facultade Ágora’ o vindeiro mércores 21 de abril, cando Carnicero pronunciará unha conferencia imaxistral sobre ‘Axenda Urbana e espazo público’. A colaboración xorde despois de varios encontros entre o deputado e o director xeral en Madrid sobre o proxecto da ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público’, obtendo “moi receptividade”. De feito, dende o Ministerio se recoñeceu á Deputación de Pontevedra como unha das institucións que máis está a traballar a nivel estatal para recuperar espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado, e xa houbo varias reunións conxuntas.
Segundo ten recoñecido Iñaqui Carniceiro en diferentes entrevistas o tratamento do espazo público é un tema no que se debe afondar. Ao seu entender, a crise sanitaria fíxo cuestionar as formas de vivir, traballar e de relacionarse da cidadanía e puxo en valora necesidade de dotar á veciñanza de espazos de calidade en que poder desenvolver as súas actividades e relacionarse de forma segura. A calidade da contorna –segundo subliña- non se garante polo simple feito de cumprir coa normativa existente desde o punto de vista técnico, senón de visibilizar e coidar as relacións de afección que se establecen en canto a escala, materialidade e vinculación co territorio, algo que afecta directamente ás relacións sociais e calidade de vida dos cidadáns.
Éxito de afluencia
A Facultade Ágora está a resultar todo un “éxito de convocatoria”, segundo afirma o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez. O pasado mércores pechouse a preinscrición de persoas interesadas e no día de hoxe iniciáronse os trámites para formalizar as matrículas. Finalmente serán 208 persoas as que asistirán aos cursos e terán dereito a examinarse e obter o título de ‘técnica ou técnico Ágora’.
O número de participantes divídese en 109 traballadoras e representantes políticos dos Concellos Ágora (adheridos á rede da Deputación para traballar pola recuperación do espazo público). O grupo restante está conformado por persoal da propia Deputación e de consultoras externas e persoas autónomas. Cabe sinalar o interese espertado polo curso fóra de Galiza, con preto de medio cento de peticións (polas que terán que pagar 400 euros por praza). Chegaron a solicitar matrícula asociación e concellos como o de Logroño, que inscribirá a sete persoas.
Entre o plantel do profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra están xa figuras de renome internacional como o urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade “a escala humana” e de aplicar as persoas como “unidade de medida” no deseño urbano. Tamén contará con Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París e director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da Sorbona, que é o máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”. Tamén participarán como relatoras outras 40 persoas do máximo nivel na área das actuacións sobre o espazo público.




