O IDAE financiará máis do 80% “dunha obra de primeira”, que supón a transformación integral da estrada ao seu paso por Redondela coa reordenación da circulación peonil, ciclista e rodada
O modelo de mobilidade segura e sostible da Deputación de Pontevedra vén de recibir un novo aval internacional, neste caso a través da concesión dunha nova achega dos fondos Feder que recoñece a actuación deseñada pola institución provincial para mellorar a seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán en Redondela, como proxecto singular para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono O IDAE acaba de confirmar a concesión desta subvención, que ten un importe de 257.480 euros, dos 320.000 en que está presupostada esta obra, o 80,4%.
O deputado Carlos Font mostrou a satisfacción do goberno provincial por este “novo espaldarazo europeo ao noso modelo de mobilidade, tanto é así que van financiar a actuación case na súa totalidade”, e se preguntou “onde quedan agora as críticas e acusacións do Partido Popular respecto a un proxecto espectacular e unha obra que se demostra que é de primeira”.
O proxecto que está a desenvolver neste momento a Deputación nesta estrada provincial supón a súa transformación integral, coa reordenación da circulación peonil, ciclista e rodada. Os traballos realízanse nun tramo de 740 metros (en concreto, do pq. 2+180 ao 2+920), do total de 2,9 quilómetros que ten a EP-2906, e que conecta a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. Trátase dun treito moi densamente poboado, de xeito que esta actuación integral busca mellorar a seguridade, promover unha mobilidade urbana sostible para favorecer o transporte ciclista e peonil e reducir as emisións de carbono.
As obras contemplan a modificación da sección da estrada con solucións destinadas á mellora da mobilidade e o calmado de tráfico. Os traballos iniciáronse no tramo entre o pq 2+180 e o PQ 2+390, e nel as obras céntrase na beiravía esquerda, cunha importante ampliación para a mellora da seguridade viaria. Doutra banda, a obra contempla na zona de maior densidade a creación dunha plataforma única de convivencia entre peóns e vehículos coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Dende este punto engadirase sección á estrada para gañar un carril peóns-bicicletas. Para elo habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 cm de anchura, para protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho.
A actuación tamén permitirá reducir a velocidade do tráfico no viario a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, e coa redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2. Haberá para elo redutores de velocidade e no treito de plataforma única reducirase o límite aos 20 quilómetros por hora.
Procederase tamén ao soterramento dos cables aéreos e á instalación dun novo sistema de iluminación, substituíndo os actuais farois dun elevado consumo, por outros que reducirán o impacto enerxético e medioambiental. Ademais, optimizarase o alumeado, que actualmente só está pensado para o tráfico, ás novas circunstancias de mobilidade integral. A desaparición dos actuais postes de formigón contribuirá, a maiores, á mellora da seguridade.




