Durante o día de hoxe un dron estivo a sobrevoar a edificación para realizar un levantamento aerofotogramétrico
Incluiranse catro fases: o século XIV e XV, a reforma neoclásica inacabada, a modificación do rosetón e o derribo da muralla no XIX, e a construción do instituto no XX e a situación actual
As Ruínas de San Domingos son o inmoble máis antigo dos que conforman o conxunto do Museo de Pontevedra e, a pesares do grande tránsito de visitantes que recibe, é pouco coñecido en canto ás súas características e á súa historia. Para cambiar esta situación o Museo vén de iniciar os traballos para a elaboración dun vídeo 3D de realidade virtual hiperrealista cuxo obxectivo é facilitar a comprensión da construción, da súa historia e da súa transformación ao longo dos séculos.
O director do Museo, Xosé Manuel Rey, subliña que as Ruínas de San Domingos grazas á súa ubicación nunha zona céntrica de tránsito atraen a unha tipoloxía de visitantes moi distinta que o resto dos edificios do Museo e teñen un grande atractivo. Dende o ano pasado estase a traballar para mellorar a experiencia da visita e que as persoas que entran no recinto teñan fácil acceso á información cun formato máis atractivo que os paneis actuais. “Queremos que a xente coñeza que son esas estruturas, que non vexan simplemente un edificio roto”, destacou.
Decidiuse crear un audiovisual 3D para xerar un entorno virtual con aparencia e textura híperrealista como solución para proporcionar unha lectura completa da estrutura arquitectónica e, a partir dos restos actualmente conservados, poder comprender tanto a totalidade do inmoble como a súa evolución e transformación ao longo do tempo. De feito, no vídeo incluiranse varias fases : construción e fase inicial, séculos XIV-XV; reforma neoclásica inacabada; modificación rosetón, derribo da muralla inmediata, segunda metade século XIX; e construción do instituto a comezos do XX e a situación actual.
No día de hoxe deu comezo o proceso de levantamento fotogramétrico e aerofotogramétrico 3D –cun dron que sobrevoou a construción durante a mañá-, para despois facer unha reconstrución virtual, o modelado de persoeiros para cada época e a renderización e edición dun vídeo final de 3 ou 4 minutos. O traballo por percorrer será aínda bastante amplo, xa que haberá tamén unha fase de documentación histórica e asesoramento que implicará a especialistas en Historia da Universidade de Santiago de Compostela co fin de que o vídeo final sexa “fidedigno”.
Agárdase que a peza final, que ten un orzamento global que rolda os 9.000 euros, estea a disposición do público no outono deste ano a través dun código QR. Aproveitarase o novo modelado 3D, ademais, para facer unha nova sinalización interpretativa que facilite a comprensión da edificación in situ.
Segundo asegura o director Xosé Manuel Rey un dos principais retos aos que se enfrontan os museos na actualidade é o da transformación dixital para adaptarse ás crecentes demandas das e dos visitantes, motivo polo que se está a explorar tamén a posta en marcha doutras novas tecnoloxías aplicadas ao Museo de Pontevedra.




